O BNG acusa ao PP de permitir que ENCE goberne o monte galego, porque necesita gran produción de eucalipto

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

Rivas pide modificar o Decreto que regula a  reinversión nos montes veciñais para facilitar unha “tramitación simple” nas  actuacións de mellora e protección forestal e simplificar as trabas burocráticas na contratación de inmigrantes nas explotacións

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de Agricultura destinada a modificar o Decreto que regula a reinversión dos ingresos dos montes veciñais en man común para optimizar actuacións de mellora e protección forestal. Para o deputado nacionalista, “o Partido popular non defende o monte  cando permite  que ENCE goberne o monte galego” pola necesidade de consumir eucalipto.

A proposta do BNG tamén incluíu amortizar en 15 anos ás contías das expropiacións e retira-la contía das subvencións da base impoñible.

A intervención do deputado do BNG foi varias veces interrompida polo portavoz do Partido popular, Xosé González obrigando ao nacionalista a non consumir a totalidade do tempo que lle correspondía para a defensa da iniciativa. González Vázquez anunciou que o grupo popular votaría en contra da proposta do BNG.

Na réplica, Rivas insistiu en que  700 mil hectáreas  pertencen ás comunidades de montes pero quedan moitas susceptibles por recoller con este carácter e criticou que o Partido popular cando alude “á ordenación multifuncional  realmente quere dicir  forestación”. Todo o proxecto do Plan forestal está baseado, dixo, “nun monte veciñal forestado”. Para o deputado cumpre apostar pola “silvicultura” e criticou que os montes conveniados coa administración non traballen nesta liña. “Son o peor exemplo que temos neste momento”, recalcou Rivas.

Os montes veciñais “merecen excepcións” e o Partido popular non as pon en marcha porque “non contempla a verdadeira realidade” e a pesar de falar de ordenar, “as súas políticas e intereses ocultos prexudican gravemente o monte”.  Quen goberna o monte, reiterou “é ENCE”.

Para o  parlamentario do BNG a reinversión do cen por supón  prorrogar a agonía do monte porque, explicou, si invistes o cobrado  pola madeira queimada  que “é unha miseria” en dez anos temos de novo lume.

Xosé Luís Rivas instou aos deputados e deputadas do PP a “pisar o monte e coñecer a verdadeira realidade e demandas do rural. Non vaian de visita, implíquense coa grande riqueza que temos neste país”, apostilou.

O BNG RECLAMA SIMPLIFICAR AS TRABAS PARA CONTRATAR INMIGRANTES NAS EXPLOTACIÓNS

Por outra parte,  e na mesma comisión celebrada hoxe no Parlamento galego, o deputado do BNG defendeu outra proposta tamén rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular. Na iniciativa, o nacionalista  reclamaba promover “accións formativas” para persoas desempregadas co fin de acceder ao mundo laboral no sector agrogandeiro con cursos de formación específica para traballadoras e traballadores de explotacións de vacún de leite, programas  prácticos e horarios axeitados e sobre todo, “simplificar as trabas burocráticas con que se atopan as explotacións que optan por contrataren man de obra estranxeira, principalmente no relativo á regularización de inmigrantes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG