Parlamento Galego

BNG acusa ao PP de limitar as oportunidades das crianzas con necesidades especiais do CEIP Chans-Bembrive de Vigo

ANPA do CEIP Chans-Bembrive de Vigo
ANPA do CEIP Chans-Bembrive de Vigo

Alexandra Fernández denunciou que o alumnado máis vulnerable e con máis necesidades non están sendo atendidas adecuadamente

O BNG exixe garantir a correcta atención á diversidade e dotar de máis recursos aos centros que o precisen

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, demandou á Xunta de Galiza durante a sesión plenaria desta mañá, garantir o dereito dos nenos e nenas a recibir unha educación de calidade e unha correcta atención á diversidade no CEIP Chans-Bembrive de Vigo.

No concello de Vigo son numerosos os centros que iniciaron o curso escolar con graves problemas como consecuencia destes recortes. “A  Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo”, que reúne 30 centros educativos da cidade,- “denuncian publicamente, xunto con FOANPAS, que a Consellería non atende ao alumando NEAE” apuntou.

“Hai ducias de centros en Vigo que están a demandar uns mínimos para poder atender a todo o seu alumnado”, en concreto no CEIP Chans-Bembrive, solicitouse á Consellería este curso profesorado de atención preferente que “non foi asignado” destacou Fernández. A política do goberno de recortes dos servizos públicos está tendo consecuencias nefastas para o sistema educativo galego, especialmente, nos recursos destinados a ofrecer “unha atención e un apoio ás crianzas con necesidades educativas e de apoio especiais”.

A deputada nacionalista sinalou que foi a dirección do centro e a ANPA quen denunciaron que a falta dun especialista PT está a ter graves consecuencias para o alumnado con máis necesidades. “Ana, unha nena deste centro, precisa do apoio dunha PT preferente.  O ano pasado tíñao asignado, conta cos informes médicos e de orientación que acreditan que necesita dese profesional para avanzar” explicou. Ademais existen graves carencias en materia de orientación neste centro, “xa que apenas contan cunha orientadora a tempo parcial que está no centro 13 horas á semana”, nas que debe atender aos 271 alumnos. “Iso significa que a orientadora ten uns 10 minutos á semana por alumno, para facer diagnóstico, para facer informes valorativos, para entrevistarse coas familias, para facer tratamento”. Por máis sobre-esforzo que fagan os profesionais, con 13 horas á semana “non é posible atender aos 70 alumnos”, para os cales, esta figura é fundamental apuntou a deputada.

Por esta razón dende o centro veñen reclamando que se amplíe a dotación en orientación que xoga un papel fundamental tamén na detección e acompañamento do alumnado Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).

“A semana pasada houbo unha mobilización histórica en Vigo por Ana, por Samu, por Héctor e por todos os nenos e nenas que teñen dereito a unha educación inclusiva” manifestou. No Chans Bembrive, 250 familias apoiaron un manifesto reclamando a urxencia de ter máis recursos. A ANPA e a dirección do centro tamén esixen de forma unánime ese reforzo de persoal.

Alexandra Fernández denunciou que a Consellería de Educación do Partido Popular está vulnerando os dereitos de Ana e doutros nenos e nenas NEAE, xa que segundo a lexislación establecida na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, Os centros docentes contarán coas persoas profesionais especializadas que necesiten para atender as necesidades educativas da totalidade do alumnado que escolarizan. Neste caso as necesidades do alumnado máis vulnerable e con máis necesidades "non están sendo atentidas adecudamente" salientou. 

O BNG exixe unha rectificación urxente por parte da Consellería do PP para garantir que as necesidades de todos os nenos e nenas están cubertas. Esta práctica xeneralizada de recorte no profesorado especializado está a ter consecuencias tan dramáticas para na vida das crianzas e das familias, que a deputada do BNG cualifica de “auténtica crueldade” por parte da Xunta. “Un auténtico ataque ao modelo de ensino público inclusivo e un intento por normalizar un novo modelo en que haxa nenos e nenas que quedan excluídos do sistema e sen oportunidades por falta de apoio” concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG