A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a actual situación dos tramites da subestación eléctrica de Abegondo e deseño das liñas de evacuación, a deputada do BNG, Mercedes Queixas acusou á Xunta de practicar unha “política opaca” ao servizo da industria eólica e afirmou que o concello de Abegondo é “un dos mellores exemplos desta “escurantismo” e “falta de planificación”.
Ademais, destacou o temor da veciñanza ante a instalación da subestación eléctrica na parroquia de Folgoso e denunciou que os colectivos, institucións e persoas directamente afectadas non foron informados do proxecto e o impacto sobre o medio e vivendas.
No ano 2017, explicou a deputada, foi sometido a trámite de consultas previas un proxecto de Red Eléctrica Española para a construción dunha subestación en Abegondo, “con 3 posíbeis localizacións” e coa finalidade de garantir o subministro eléctrico á cidade da Coruña, sen emabargo, a tramitación foi paralizada e sen definir a localización da subestación.
No ano 2020 foron anunciados proxectos para a instalación de novos parques eólicos, tanto na comarca das Mariñas como na de Ferrol ou na provincia de Lugo, retomandose o interese pola subestación de Abegondo. Na actualidade, algúns deses PE están autorizados (Feás e Seselle) con conexión á subestación eléctrica de Abegondo, “que non está autorizada”, curiosa forma de planificar, ironizou a nacionalista.
En marzo de 2022, agregou a deputada, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego solicitaba información ao Goberno central sobre o estado do proxecto da subestación, resposta que confirmaba que, a Xunta, a petición propia, era a responsable da tramitación
Isto, dixo, levounos a rexistrar novas preguntas no parlamento e no mes de febreiro, o goberno da Xunta confirmaba que Red Eléctrica retirara o anterior proxecto e presentara un novo, que finalmente nos enviaron e que nos permitiu comprobar que non era 1 proxecto, senón 2. Ou o que é o mesmo, non era 1 subestación en Folgoso, senón 2 en tramitación paralela e diferenciada para “evitar unha avaliación de impacto ambiental de conxunto”.
O BNG pide ao goberno respecto para o territorio e a cidadanía
Na actualidade, está en tramitación un proxecto de parque de 400 MW da nova subestación eléctrica, promovido por RED ELÉCTRICA DE ESPAÑA, que, en teoría, ten por obxecto “permitir a electrificación do transporte do eixo ferroviario Vigo-Ourense-Lugo-A Coruña”.
Un Parque de 400 MW, remarcou a nacionalista, que formará parte da “nova” subestación eléctrica, xunto co Parque de 220 MW, tramitado pola Xefatura territorial da Coruña da Consellería de Industria para conectar á LAT Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez.
Mercedes Queixas denunciou que en ningunha das contestacións ás preguntas realizadas polo BNG, se fixo “referencia a unha dobre tramitación paralela, un parque de 400 MW que levaría o Ministerio e un parque de 200 MW que tramitaría a Xunta”, nin ademais da liña de conexión que tería outro trámite de autorización diferenciado.
A sociedade, explicou a deputada, respondeu contra o silencio administrativo e se organizou para defender as súas vivendas a menos de 500 metros da subestación eléctrica e do impacto negativo contra o patrimonio natural e cultural.
Non considera o goberno da Xunta que sería máis axeitado realizar unha tramitación conxunta para avaliar de forma completa os impactos ambientais, patrimoniais, sobre as vivendas e as persoas? preguntou.
Tras a resposta do director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernéndez Vila a parlamentaria do BNG rexeitou que o proxecto de Abegonso obedeza exclusivamente ao sistema para a transición enerxética e replicou que debe ser “Galiza quen lidere esa transición para non levar por diante o territorio e á xente”. O BNG, “non vai a apoiar o modelo depredador do PP” que non deixa de xerar destrución e inseguridade xurídica para as empresas como confirman as propias sentencias xudiciais. É un modelo que desprotexe o medio e provoca desconfianza na sociedade.
A veciñanza deféndese do modelo depredador das empresas e contra a “submisión do goberno do PP a ese modelo colonizador”. O PP, concluíu, carece de planificación e ese “maná” enerxético debe beneficiar a Galiza “non a outros”.Teñan en conta as alegación e non continúen practicando unha política que non protexe o noso territorio e a nosa xente, recalcou a nacionalista.