A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou a paralización da mina de Touro por constituír un “atentado contra o medio ambiente e contra o modo de vida de miles de persoas” dado o enorme impacto negativo que suporía, non só para os veciños e veciñas do municipio, senón para o conxunto do País.
Dende o propio emprazamento da explotación, que visitou en resposta a un convite da plataforma contra a mina de Touro, Pontón considerou “escandaloso” e “moi grave” que a Xunta admita a trámite un proxecto de reapertura que, na práctica, é o mesmo que xa denegara anteriormente por razóns medioambientais.
“En vez de denegar este proxecto de novo, porque xa foi avaliado pola Administración, a Xunta, na súa conivencia cos grandes poderes económicos que están espoliando os nosos recursos naturais, o que fai é darlle a cualificación de proxecto industrial estratéxico para facilitar a reapertura da mina”, denunciou logo dunha visita na que estivo acompañada polo portavoz municipal de Touro, Xoán Louzao, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e as deputadas Iria Carreira e Rosana Pérez.
Un proxecto que considerou un “problema tanto dende o punto de vista medioambiental como social” dado que supón a afectación dos acuíferos que non só abastecen á poboación, senón tamén a moitas explotacións gandeiras, e unha ocupación moi importante de terras que hoxe son produtivas.
Ademais, advertiu que os veciños e veciñas van ter a ameaza de dous grandes espazos reservados para os residuos da explotación, unha superficie que ocupa máis de tres quilómetros e alcanzaría unha altura de máis de 80 metros ao lado das súas casas.
“Eu pregúntome se ao señor Rueda lle gustaría ter eses residuos mineiros ao lado da súa casa, eu creo que non, igual que non quere estes veciños e veciñas porque, evidentemente, isto é unha ameaza e significa un impacto moi importante para as súas vidas ”, reflexionou.
Por se fose pouco con isto, a portavoz nacional lembrou que a veciñanza tamén tería que soportar as voaduras propias deste tipo de explotacións, con todo o que iso implica non só para a súa calidade de vida, senón tamén para o propio benestar animal da produción gandeira e mesmo para as súas propias casas, nas que xa se repetirían as afeccións estruturais que xa se produciran na anterior etapa extractiva da mina.
Como tamén se repite o modus operandi do PP en proxectos que, coma este ou o de Altri, prefire defender os intereses das multinacionais ao dos galegos e galegas, ocultando información ou con información incompleta na exposición pública.
“Vemos como, unha vez máis, o Partido Popular, en vez de estar defendendo o interese xeral deste País, está defendendo os intereses de empresas que, neste caso, vén a facer unha explotación colonial dos nosos recursos”, denunciou, para recalcar a continuación que o proxecto é o proxecto é propio dunha “minería do século XIX” que, ademais, non achega ningún beneficio a Galiza.
Nesta liña, recordou que a mina non só supón un grave impacto para a comarca senón para o conxunto do País, ameazando a produtividade dunha das rías máis importantes, a de Arousa, pola contaminación sobre os acuíferos.
Por iso, avanzou que o BNG vai volver reclamar no Parlamento a paralización da explotación, logo de incidir no “sen sentido” do Executivo de Alfonso Rueda ao admitir a trámite un proxecto que xa avaliou e denegou previamente, “bordeando o cumprimento da propia legalidade”, única e exclusivamente para darlle adiante a proxectos que “arrasan co territorio e explotan os nosos recursos”, sen ter en conta o impacto que teñen, neste caso, sobre o medio rural e as rías, poñendo en risco miles de postos de traballo”.
“Dende o BNG cremos que a vida das persoas vale máis que os intereses dunha mineira e que, desde logo, non podemos seguir adiante con este proxecto”, concluíu.