Parlamento Galego

O BNG acada a unanimidade do Parlamento para que a Xunta amplíe en breve o polígono industrial de Bértoa, en Carballo

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez avanza unha emenda aos orzamentos cunha partida propia para a redacción do proxecto e adquisición de solo da circunvalación        

O Bloque vén de acadar a unanimidade do Parlamento galego para instar á Xunta a ampliar, á maior brevidade posible, o polígono industrial de Bértoa, en Carballo, unha infraestrutura vital para o desenvolvemento económico de toda a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte.

Na defensa da proposición non de lei nacionalista, o deputado Daniel Pérez criticou a posición mantida ata agora polo Executivo de Feixóo, “non entendemos, nin nós nin ninguén en Carballo, que non se aposte por esta ampliación dende a Xunta”, dixo, para cuestionar a continuación que “se existe un plan sectorial que inclúe dúas zonas que permitirían ampliar en 500.000 metros cadrados o polígono; se Xestur xa ten adquirido boa parte dese solo e se o risco da ampliación do polígono é cero, atendendo á alta demanda de solo por empresas que se queren instalar, a súa ampliación depende, única e exclusivamente, da vontade política do Goberno galego”.

Pérez advertiu de que no proxecto de orzamentos presentado pola Xunta para 2021 “non hai nin un céntimo consignado para a tan necesaria obra de ampliación”, pese ao anuncio feito pola entón conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas en febreiro, quen asegurara que a urbanización da ampliación sería executada en 2021 e que o presente exercicio 2020 se reservaba para os labores previos, coma a redacción do proxecto e a adquisición dos terreos. “Pero, claro, estas declaracións foron feitas en precampaña electoral, coas eleccións cerca”, recriminou.

O deputado nacionalista recalcou a importancia desta ampliación para a creación de emprego e a xeración de sinerxías positivas dende o punto de vista económico non só para Carballo, senón para toda a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte. “A obriga das Administracións é anticiparse ás necesidades das e dos seus administrados e, neste caso, tanto os axentes sociais como os empresariais e económicos coinciden na necesidade de que a Xunta amplíe, dunha vez por todas, o polígono industrial de Bértoa”, demandou, logo de recalcar que a ampliación é máis necesaria se cabe no contexto que se albisca de grave crise económica a consecuencia da pandemia.

Neste sentido, criticou tamén que os orzamentos galegos consignen só “a pírrica cantidade” de 250.000 euros -“que da escasamente para o proxecto”, subliñou- para a obra de circunvalación de Carballo, unha actuación que eliminaría o tráfico pesado de zonas escolares e deportivas e que melloraría as comunicacións para as empresas implantadas no polígono, facilitando a saída cara a Santiago e o sur de Galiza.

Daniel Pérez avanzou que o BNG tamén presentará outra iniciativa sobre esta segunda infraestrutura porque “ámbalas dúas resultan vitais para a comarca e foron mil veces comprometidas e nunca executadas”. De igual xeito, o BNG presentará unha emenda parcial ao proxecto de orzamentos para que se consigne nas contas da Xunta unha partida específica para a redacción do proxecto e a adquisición de solo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG