BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para instar á Xunta a tomar as medidas necesarias para que a empresa concesionaria do encoro de Portodemouros, situado no curso do Ulla medio entre os concellos de Santiso, Arzúa e Vila de Cruces, cumpra coas súas obrigas a respecto das condicións que debe observar a barcaza e as instalacións que comunican as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso), segundo o establecido nas condicións da concesión do encoro á compañía Naturgy.
O deputado nacionalista Xosé Luís ‘Mini’ Rivas reclamou na defensa da proposición non de lei o acondicionamento de instalacións e barcaza que, segundo explicou, debería supoñer a modificación do ancho actual das ramplas de acceso á embarcación ao que estableza un proxecto de enxeñería e que considerou non debería ser inferior a 13 metros en toda a lonxitude das ramplas, tanto do lado de Loño como na marxe de Beigondo; a dotación dunha nova barcaza con capacidade como mínimo para 20 toneladas de carga e un espazo de 13 metros de longo; unha correcta iluminación nos accesos e o acondicionamento das estradas para que poidan acceder os vehículos das dimensións establecidas pola lexislación aplicable.
De igual xeito, considerou preciso que o Executivo galego lembre á compañía a súa obriga de “avisar adecuadamente” cando hai avarías e de “subsanalas coa maior celeridade posible, ademais de presentar unha xustificación do período de suspensión do servizo”.
O deputado do BNG lembrou que cando se instalou a barcaza en 1974 “era un apaño de desguace” e que sofre avarías frecuentes quedando sen servizo por períodos de tempo inasumibles para as persoas usuarias, unhas 50.000 aproximadamente ao ano, nunha media á que hai que sumar tamén uns 20.000 vehículos anuais. Neste sentido, exemplificou na avaría rexistrada en 2018 que deixou o servizo suspendido cerca dun mes, un servizo que, segundo recalcou, é “público, polo que se debería axilizar os traballos de reparación”.
Así mesmo, apuntou á “insuficiente iluminación” das instalacións, “chegando a non existir na vertente de Loño”, recalcou, para subliñar a continuación que esta deficiencia incide nunha falta de seguridade para as e os usuarios “provocando incluso que algún vehículo teña caído ao encoro por falta de sinalización”. Por último, salientou que as comunicacións das suspensións do servizo estanse a realizar cun simple cartel nas proximidades da embarcación, cando as persoas usuarias xa están alí, polo que tamén considerou preciso que o aviso se faga extensivo tamén a outros medios como emisoras locais, redes sociais ou mesmo os distintos concellos.