A través dunha pregunta parlamentaria formulada pola portavoz de pesca e marisqueo, Rosana Pérez, a secretaria xeral da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas trasladou á deputada a intención do goberno galego de valorar, no transcurso dunha reunión coas administracións implicadas, a situación económica dos 80 mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo que verán paralizada a súa actividade por mor das obras de dragaxe, durante dous anos.
Tras o compromiso da secretaria Xeral, a deputada do BNG, Rosana Pérez insistiu na necesidade dunha “reunión” entre concellos, Xunta e goberno do Estado para dar unha resposta á situación á que se enfrontarán 80 mariscadores e mariscadoras ante as obras de dragaxe da Ría do Burgo. Por outro lado, destacou que a recuperación da ría leva agardando 40 anos e grazas ás reivindicacións dos colectivos ecoloxistas e sociais “van dar os seu froito”. Da “boa saúde ambiental”, engadiu a nacionalista, dependen directa ou indirectamente moitos veciños e veciñas da comarca da Coruña.
Neste sentido tamén explicou que 49 mariscadoras a pé e 29 a flote “viven do seu traballo na ría”, apenas 80 persoas cando hai 30 anos eran 2.000 como confirma a propia Confraría.
O acordo acadado entre a Xunta e o MITECO e a recente licitación da obra, son unha boa nova, dixo, e todos nos felicitamos por telo conseguido pero hai que resolver a situación económica de 80 traballadoras e traballadores do marisqueo e por extensión as das súas familias. ”Nin o Estado nin a Xunta poden dar por concluído este asunto”, de aí que recibamos con certa esperanza o compromiso anunciado hoxe.
Un proxecto de 48 millóns de euros non pode deixar “abandonadas a 80 traballadores e traballadoras” por 3 millóns de euros. Na actualidade, reiterou Rosana Pérez, todas estas persoas “están en terra de ninguén” e tanto a Xunta como o goberno do Estado continúan “mirando para outro lado” e mesmo negándose a manter unha xuntanza con eles. O BNG solicitouno nesta cámara que os atenderán, que acudisen ás súas convocatorias, que se levasen a cabo todas as actuacións necesarias para asegurarlles o seu futuro durante os 3 vindeiros anos. O PP votou en contra pero hoxe podemos contar co compromiso da Consellería do Mar para iniciar un encontro entre “as diferentes administracións, a Confraría da Coruña e o colectivo afectado”.
A nacionalista exixiu “responsabilidade” ao goberno galego ante a situación dos mariscadores e mariscadoras do Burgo que agardan por unha resposta da administración máis próxima. Entendo dixo, as dificultades para determinar que administracións debe resolver as compensacións económicas pero non utilicen a escusa da falta de resposta do estado para permanecer impasibles.
“Si este asunto, non o move o estado, debe facelo o goberno galego” porque a licitación está en marcha e vostede acaba de trasladarnos que non habería ningún problema para manter unha xuntanza, pois dende o BNG, solicitamos que a convoquen canto antes, concluíu.