O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe unha proposición non de lei en comisión para recuperar o servizo de recollida dos plásticos agrarios procedentes de invernadoiros e silos co depósito nun punto limpo e posterior reciclaxe que acadou o apoio unánime.
O parlamentario do BNG aceptou unha emenda do Partido popular en aras de avanzar na restitución do servizo de recollida.
Rivas asegurou que os restos de plástico agrícola alcanza unha cifra próxima ás 8.000 toneladas e até agora, concellos con grande actividade agraria utilizaban á empresa Tilba para a súa recollida, sen embargo, trala suspensión da axuda pública, a empresa xa non asumiu este servizo.
PLÁSTICOS NOS MONTES E RÍOS
As consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dixo Rivas, deben ser conscientes dun problema que nos pode “retrotraer a tempos nos que non era raro ver plásticos nos montes” e aplaudiu o acordo sobre a iniciativa nacionalista para resolver este “grave problema” porque, non queremos, recalcou, “volver a ter imaxe de plásticos negros e brancos nos montes e ríos”.
O deputado do BNG tamén aludiu á necesidade de iniciar unha campaña informativa para tomar conciencia das consecuencias da queima de plásticos e o seu deposito en zonas naturais, “non queremos volver a ver neveiras ou electrodomésticos nos montes nin tampouco pneumáticos ou plásticos procedentes de invernadoiros e silos”.
O acordo leva implícita a obriga de estudar medidas de colaboración cos concellos na recollida e transporte dos plásticos usados de orixe agrícola.