BNG acada un acordo unánime na Comisión de Pesca, tras aceptar unha emenda do Partido popular, polo que o Parlamento de Galiza insta á Xunta a: “adiantar os cartos das compensacións económicas por inactividade obrigada aos mariscadores da Ría do Burgo durante o tempo que duren as obras de dragaxe e rexeneración, previa garantía de transferencia, mediante a sinatura dun convenio dos fondos pertinentes polo Estado para esta finalidade, o que permite activar garantías de protección aos mariscadores e evitarlles un compromiso de endebedamento engadido innecesario, dende o inicio das obras”.
Na defensa da proposta do BNG, a deputada nacionalista, Mercedes Queixas lembrou que o pasado pleno do 10 de decembro foi aprobada outra iniciativa para demandar do goberno do Estado a compensación ou indemnización ao colectivo polo período no que non podan exercer a súa actividade como consecuencia da execución das obras de dragaxe da Ría do Burgo e amosou a súa confianza en que, “este novo acordo serva para dar seguridade económica” ás mariscadoras e mariscadoras. Agardamos, dixo, que o goberno galego non continúe como “espectador” á espera de que actúe o goberno do Estado e o acordado hoxe no Parlamento galego sexa cumprido.
Nos últimos días do pasado 2021, explicou a deputada, a empresa adxudicataria das obras, a unión temporal de Acciona e Matías Arrom Bibiloni, iniciou os traballos previos de replanteo, pero os 78 mariscadores e mariscadoras afectadas nada saben da calendarización das obras de dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo, da data de finalización dos plans de marisqueo autorizados pola Xunta de Galiza nin tampouco da achega dunha solución económica compensatoria por parte das diferentes administracións, “a Xunta de Galiza con competencias exclusivas en pesca e marisqueo, e o goberno do Estado, titular da obra”.
De que van vivir os 78 mariscadores durante os 2 anos de obras de dragaxe e o tempo necesario para que a ría sexa produtiva? preguntou a nacionalista.
Queixas tamén aludiu á resposta do goberno do Estado a preguntas do deputado do BNG, Néstor Rego no Congreso, convidando ás mariscadores a presentar reclamacións xudiciais se consideraban que as obras prexudicaban o seu patrimonio. Unha resposta, en opinión da deputada, “improcedente”, pois non ten ningún sentido obrigar aos traballadores da ría a iniciar custosos procedementos xudiciais para demostrar que durante o tempo das obras “non poderán mariscar” e por outro lado, tampouco entendemos como o Estado anima ao colectivo a seguir traballando canda as obras, “pois se trata dunha obra que require dunha protección extrema polo tratamento de lodos contaminantes”.
Pola súa parte, remarcou, o goberno galego semella continuar de “espectador” agardando a que actúe e pague o Estado como titular da obra e incapaz de procurar unha seguridade económica transitoria aos mariscadores. “Os 78 mariscadores son cidadáns galegos, traballadores galegos e o seu traballo é competencia da Consellería de Pesca”, reiterou Mercedes Queixas.
Dende o BNG, afirmou non comprendemos por que despois de termos conseguido o máis difícil, iniciar as obras, os mariscadores teñen que vivir en tensión sen saber nada do seu futuro.
A resposta rotunda dos mariscadores xa foi feita pública: negaranse a retirar a cría mentres non haxa un compromiso pechado por parte das dúas administracións responsábeis e un acordo asinado enriba da mesa. Nesa dirección foi a nosa proposta, un acordo para dar seguridade económica ao colectivo de mariscadores e mariscadoras afectadas polas obras de dragaxe da Ría do Burgo.