O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe, na Comisión de Agricultura unha Proposición non de lei que acadou o apoio unánime tras aceptar o nacionalista unha emenda do Partido popular, para estudar a creación da Escola de Pastores.
O acordo obriga ao Parlamento galego a: “Instar á Xunta de Galicia a estudar a posibilidade de crear unha Escola de capacitación de Pastores de ovino e cabrún no ano 2019, como se fai noutras comunidades autónomas como Estremadura, Aragón ou Valencia, que regule a formación para o futuro Desenvolvemento das actividades dos nosos gandeiros/as de ovino e cabrún coa implicación do sector aproveitando as redes de centros de formación e investigación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria”.
O parlamentario indicou que a gandería en extensivo de ovino-cabrún é un sector a protexer e dinamizar porque fixa poboación no rural, xestiona o territorio, produce carne dunhas características inmellorables en canto a alimentación, manexo e ausencia de strés, e o máis importante, afirmou “ é gando que garante a seguridade ao establecer cortalumes naturais porque son animais desbrozadoras”.
Xosé Luís Rivas amosou a súa satisfacción e agradeceu o apoio do resto das forzas políticas á vella demanda dos propietarios de explotacións ovino-cabrún pero lamentou que non fora aprobado outro dos puntos da proposta do BNG sobre a posta en marcha de 8 módulos de formación, 250 horas, para os propietarios de explotacións ovino-cabrún, formación que deben acreditar para cobrar as axudas acopladas da PAC ás novas incorporacións, cun “mínimo de 25.000 euros por explotación”.
Na actualidade, explicou o deputado do BNG, so teñen á súa disposición 5 módulos de formación telemática, formación que deben acreditar ter realizado nos primeiros 36 meses do inicio da actividade.