O BNG acada un acordo para esixir do Estado a redución dos coeficientes de xubilación no sector naval

Noa Presas
Noa Presas

A proposta defendida pola deputada, Noa Presas equipárase a existente  nalgunhas  profesións do mar ou a minaría polas súas condicións laborais

O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposta impulsada polo BNG para demandar do Estado que estableza  coeficientes redutores de idade de xubilación do persoal empregado no sector naval, entendendo por tal, o sector público e privado e  ás e os traballadores  das empresas principais e auxiliares.

A parlamentaria do BNG, Noa Presas defendeu a proposición cuxo contido  recollía as principais reclamacións da  campaña posta en marcha  pola  Federación da CIG Industria para acadar o apoio  dos axentes implicados, a vez que o Ministerio de Traballo e Seguridade Social desenvolve o proceso administrativo co fin de recoñecer os coeficientes redutores.

Na súa intervención, Presas destacou que os coeficientes redutores xa existen nalgunhas profesións dos sectores do  mar e a minería “dadas as condicións nas que se traballa nestes ámbitos”, e entendemos, dixo, que no sector naval debe haber  unha regulación semellante que favoreza o acceso á xubilación “nunha idade e  condicións dignas”.

Por outra parte, esta medida foi aprobada recentemente no Senado para rebaixar a idade de xubilación dos condutores profesionais, unha profesión, explicou, recoñecida como de  alto risco pola Organización Internacional do Traballo e  agravada  polos labores de carga e descarga que  o marco legal contempla como unha excepción, aínda que en realidade, puntualizou a deputada, é unha  regra pola falta de capacidade de negociación das  Pemes e  autónomos.

O dereito  a “unha xubilación digna” é  unha das reivindicacións que máis mobilizacións ten provocado nos últimos tempos e  este mesmo fin de semana terá lugar en Santiago de Compostela  “unha gran mobilización en defensa dos dereitos perdidos e a reclamación para ampliar  os existentes”.

Na ultima década puidemos constatar como baixo a desculpa da crise económica eran recortados dereitos laborais e postas en marcha polo PP e PSOE “medidas regresivas” que contaron coa conivencia e o “silencio” da Xunta de Galiza, criticou a nacionalista.

O Real Decreto Lexislativo, do 30 de outubro, reflicte a aprobación  do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, cuxo artigo 206 recolle  que a idade mínima de acceso á pensión de xubilación pode ser rebaixada naqueles grupos ou actividades profesionais de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre e acusen elevados índices de morbilidade ou mortalidade, sempre que as e os traballadores acrediten na respectiva profesión ou traballo o mínimo de actividade que se estabeleza.

Neste sentido, a  actividade no sector naval é dura e caracterizada por unha alta esixencia física, ámbito onde se desenvolve, maioritariamente a expensas da climatoloxía e nunha contorna que vai mudando segundo o encargo a desenvolver. Isto repercute nun nivel de riscos laborais considerábeis ao que sumou , “prolongacións de xornada e un réxime de traballo e quendas incluído o nocturno e as  consecuencias por exposición ao amianto”.

Finalmente, a  portavoz de industria do BNG, Noa Presas agradeceu o apoio unánime dos grupos parlamentarios  á  proposta nacionalista  que sen dúbida, dixo, “beneficiará a un importante número de traballadores e traballadoras do sector naval”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG