BNG abre o proceso de elección de candidatura á Presidencia da Xunta

XVI Asemblea Nacional
XVI Asemblea Nacional
Cumprindo os estatutos, a Executiva Nacional arranca unha elección, cuxo regulamento someterase a votación o 28 de outubro no Consello Nacional

A Executiva nacional do BNG aprobou na súa reunión de onte abrir a elección de candidatura á Presidencia da Xunta, tal e como marcan os estatutos, dando luz verde a un proceso que arrancará o sábado 28 de outubro coa aprobación do regulamento por parte do Consello Nacional.

A partir desa reunión extraordinaria do máximo órgano de dirección entre asembleas, ábrese un proceso de recollida de avais que permitirá participar e presentarse a calquera militante con plenos dereitos de alta, sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deben ser presentados no rexistro da sede nacional en Santiago entre o 31 de outubro e  o 13 de novembro como data límite.

Finalizado ese trámite, será a militancia a que tome a palabra e se pronuncie a través de debates e votacións nas 26 asembleas comarcais por todo o País, incluída a da emigración, votación que se levará a cabo con independencia do número de candidaturas que se presenten.

A dirección do BNG abre este proceso dando cumprimento aos estatutos aprobados en asemblea nacional de cara á cita coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos, ás eleccións nas que o BNG se presenta como a alternativa real ao PP para liderar o goberno do cambio galego. Unha alternativa que pasa por disputarlle ao Partido Popular a maioría absoluta concentrando na formación nacionalista o apoio dos galegos e das galegas que queren un cambio real no País para abrir un tempo novo.

A formación nacionalista quere coa apertura deste proceso ter a elección de candidatura á Presidencia da Xunta concluída ante un eventual adiante electoral, tras levar a cabo a preceptiva consulta, debate e votación por parte da militancia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG