O BNG abandona a tramitación do Plan de demografía por entender que é "unha burla"

Carme Adán reclamou a súa tramitación en Pleno coa comparecencia dun membro do Consello da Xunta

Os grupos parlamentarios da oposición, BNG-PsdeG e AGE abandonaron hoxe a Comisión 5º ao ser rexeitada a súa petición para que o Plan de Dinamización demográfica en Galiza fose tramitado en sesión plenaria.

Para o BNG, un Plan destas características non pode ser tramitado “as presas” en comisión. A deputada nacionalista, Carme Adán reclamou que o Plan demográfico sexa tramitado en Pleno polo procedemento ordinario e non con “carácter de urxencia” como pretende o Partido popular.

 A actitude que mantén o Partido Popular co Parlamento Galego é intolerable

A parlamentaria explicou que tras as reiteradas ocasións nas que o Presidente da Xunta alarmou sobre a situación demográfica de Galiza, o PP pretende agora despachar “rapidamente” nunha comisión e coa comparecencia dunha directora xeral o “Plan para a Dinamización demográfica de Galiza 2013-2016, Horizonte 2020”.

“Un Plan que supostamente debe ser transversal e dar solucións ao éxodo masivo da mocidade galega, o goberno da Xunta pretende que non sexa debatido no Pleno da Cámara galega”, remarcou a deputada.

Esta decisión é inasumíbel para o BNG, dixo Adán e lembrou que despois de ter formulado unha queixa formal ante Mesa do Parlamento por esta cuestión, o PP mantivo a súa postura de tramitalo en comisión furtando aos grupos parlamentarios dun “verdadeiro debate”.

Ante a negativa da Presidenta da Comisión 5ª de pospoñer o debate, o BNG xunto co resto dos grupos da oposición decidiu abandonar a Comisión.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada do BNG convidou ao PP a reflexionar durante a fin de semana e adoptar o luns unha “decisión razonable” na Mesa que reconduza esta situación.

Por outra banda, a oposición tamén mostrou as Propostas de resolución que tiña preparadas para o debate, a pesar de só dispor de 24 horas para poder confeccionalas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG