O BNG abandona a Ponencia da Reforma electoral do PP e cualifícaa de “pucheirazo electoral”

Francisco Jorquera

Francisco Jorquera rexeita a “condición inamovíbel” establecida polo Partido popular para  reducir  escanos coa intención de  "salvar unha maioría que sabe ter perdida"

Cámara galega

O BNG abandonou hoxe a ponencia da Reforma electoral convocada polo Partido popular no Parlamento galego.

O deputado do BNG, Francisco Jorquera rexeitou a “condición inamovíbel”, esgrimida polo Partido popular para reducir o número de escanos na Cámara galega porque, ao seu xuízo, o PP pretende perpetrar “un auténtico pucheirazo electoral” que o BNG, “nunca vai apoiar”.

Para o nacionalista, “  o PP quere perpetrar un auténtico pucheirazo electoral” usando a súa maioría e impor unha reforma á medida exclusiva dos seus intereses electorais.

As regras de xogo, explicou, non as pode cambiar só unha parte e á medida do seus intereses. O propio Feijóo, cando estaba na oposición, defendeu “blindar a lei electoral” de calquera forma, establecendo unha maioría cualificada para facela posíbel.

O PP utiliza o aforro como “coartada”

O deputado do BNG negou que o aforro defendido  polo Partido popular, sexa a verdadeira razón para reducir escanos no Parlamento galego. Neste sentido, manifestou que o BNG propón nas súas emendas, (rexeitadas polo PP): “Prohibir o reparto de papeletas polas candidaturas e envío de papeletas e propaganda electoral por correo” ( subvencionado con cartos públicos). Esta medida, abondou o nacionalista, suporía un “aforro moi superior á redución de escanos e melloraría a calidade da democracia”, dificultando calquera tentativa de coartar aos cidadáns á hora de emitir o seu voto.

Francisco Jorquera

Jorquera recalcou que a proposta de reforma do PP pretende reter unha maioría absoluta que sabe ter perdida na sociedade, “quere un Parlamento menos representativo e menos plural” e canto máis se reduza a Cámara galega, “maior será a desproporción entre o voto dos cidadáns e o seu reflexo na composición parlamentaria”.

Finalmente, o portavoz do grupo parlamentario salientou  que as propostas do  BNG van dirixidas a profundizar na democracia: “Eliminar o umbral mínimo para que as distintas candidaturas podan acceder ao reparto de escanos, reparto de escanos entre as distintas circunscricións e candidaturas por criterios de estrita proporcionalidade, paridade e alternancia de xénero nas candidaturas, prohibición do mailing e impulso das iniciativas lexislativas populares e consultas populares”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG