A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reuniuse hoxe co coordinador europeo para o Corredor Atlántico, Carlo Secchi, a quen lle trasladou a preocupación pola falta de conexión de Galiza co norte de Portugal até, polo menos, o ano 2030. Fronte a esta situación subliñou que “de aquí ao 2026 o BNG vai ser o motor para Galiza estea máis conectada con Portugal” a través da presentación de diferentes iniciativas, tamén no Parlamento Europeo.
“Trasladeille a preocupación do BNG por que Galiza estea moito máis cohesionada e conectada co Norte de Portugal e non nos parece de recibo que quede excluída nun tempo até o 2030” explica a eurodeputada galega a respecto do encontro que mantivo con Carlo Secchi, a quen tamén lle trasladou o problema da saída sur e a necesidade de que a conexión de alta velocidade chegue a Vigo.
Ao seu xuízo, Galiza e o norte de Portugal “teñen que estar conectadas, conectadas tamén por alta velocidade, e non podemos seguir excluídos neses prazos que non son de recibo para as necesidades que existen en ambos territorios”.
Máis investimentos
“Instamos ao goberno español e ao goberno de Portugal a que “nun problema transfronteirizo hai que eliminar as barreiras e fomentar máis investimentos que poidan conectar a necesidade vital, económica, cultural e de transporte que ten o noso país co norte de Portugal”.
Este encontro coordinador do Corredor Atlántico enmárcase nas diferentes iniciativas que a eurodeputada do Bloque ten desenvolvido no Parlamento Europeo, tanto referidas nas denuncias realizadas polos continuos atrasos (como cando no 2019 PP e PSOE renunciaron á inclusión de Vigo como porto principal da Rede Transeuropea de Transportes no trílogo de negociación entre a Comisión, o Consello e o Parlamento), como nas diferentes propostas presentadas. Precisamente tres das emendas presentadas polo BNG no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril.
Neste sentido, Miranda sempre defendeu que o impulso ao Corredor Atlántico é un dos mecanismos da loita contra o despoboamento e o fortalecemento da economía, non só de Galiza, senón tamén de todo o noroeste peninsular.