O portavoz parlamentario de infraestruturas, Luís Bará, tirou de cifras para reclamar do Goberno galego que empece a negociar un novo plan de seguridade vial para o período 2020-2014 ao dar por “fracasado e esgotado” o actual, tendo en conta a negativa evolución dos datos de sinistralidade tanto en relación ao número de accidentes de tráfico como de vítimas mortais.
“Hai que dar un debate, falar das cifras alarmantes porque o que hai detrás desas cifras son dramas humanos e se tomamos a serie dos últimos cinco anos vemos un incremento do 40% nos accidentes, unha evolución moi preocupante, en particular no número de vítimas mortais”, salientou Bará en comisión parlamentaria.
Por iso formulou ao Executivo galego tres propostas concretas. Abrir un proceso de diálogo e participación social para aprobar este mesmo ano un novo plan de seguridade viaria. En segundo lugar, convocar neste primeiro trimestre de 2019 unha mesa institucional e social pola seguridade viaria co obxectivo de acordar medidas extraordinarias e urxentes a desenvolver polas tres administracións de xeito coordinado.
E, como terceira proposta, reclamar ao Goberno do Estado a transferencia das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria nos termos xa aprobados polo Parlamento galego en abril de 2008. O deputado por Pontevedra tamén reclamou á Xunta o desenvolvemento do corpo de policía de Galiza, propostas todas vetadas polo PP.
Bará trasladou na Cámara a preocupación pola pésima evolución das cifras, con especial mención ao incremento das vítimas mortais en travesías urbanas por atropelo, e volveu insistir en que a redución da velocidade a 30 quilómetros hora xunto con outras medidas de calmado do tráfico como as adoptadas na cidade do Lérez polo BNG lograron salvar vidas humanas. De feito, na última década non houbo ningún falecemento por accidente de tráfico en Pontevedra.
“Por que a Xunta non dialoga, non mira cara outros modelos que funcionan para tomar medidas coas adaptacións que sexan necesarias pero aproveitando o que xa demostrou que pode salvar vidas?”, interpelou o deputado nacionalista.
A evolución dos datos mostran que entre 2013 e 2017 o número de accidentes de tráfico pasou de algo máis de 500 sinistros a 1.770. Só en 2018 o número de vítimas mortais ascendeu a 104, 28 máis que en 2017. Ao drama humano que deixa cada accidente, hai que engadir o impacto económico da sinistralidade de tráfico equivalente ao 1% do PIB.