Aymerich á conselleira de Sanidade: "Os seus recortes matan"

O deputado do BNG, Carlos Aymerich acusa á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera de estar ao servizo de empresas sanitarias privadas mentres reduce medios materiais e humanos na sanidade pública

O deputado do BNG, Carlos Aymerich acusou hoxe á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera de estar ao servizo de empresas sanitarias privadas mentres segue recortando en medios humanos e materiais na sanidade pública.

A falta de investimento nesta materia, dixo, está a provocar “colapsos” importantes nos servizos de urxencias dos hospitais galegos como o acontecido recentemente en Vigo no que faleceu unha muller mentres agardaba para ser atendida, “os seus recortes matan”, Sra. Conselleira, sentenciou Ayemrich.

Trala comparecencia de Rocío Mosquera para explicar as liñas do seu departamento, o nacionalista criticou que as directrices de actuación do PP en materia sanitaria en Galiza están recollidas no documento elaborado polo Goberno español presentado á Comisión europea en maio do 2012 e que entre outros obxectivos figura unha rebaixa do 25 por cento en gasto público sanitario.

Aymerich explicou que este recorte será aplicado establecendo un “imposto de enfermidade” en forma de copagamento polos medicamentos, eliminando da cobertura farmacéutica medicamentos para pacientes de cancro e tamén medicamentos para mellorar a circulación periférica ou mucolíticos utilizados sobre todo por xente maior.

O PP recortará 7.267 millóns de euros entre o 2012-2015

O portavoz de sanidade do BNG, asegurou que o recorte en materia sanitaria, entre o 2012 e 2015, ascenderá a 7. 267 millóns de euros, “este é o compromiso do Partido popular coa Comisión europea” e denunciou que as consecuencias desta medida recaian nas persoas con menos medios mentres “os que teñen cartos” poderán seguir acudindo á sanidade privada.

A maiores, engadiu que hai que contar co recorte dos orzamentos para o 2013, 111 millóns e medio de euros con relación ao ano 2012 e respecto ao 2009 este recorte ascende a 560 millóns de euros.

Dende que o Partido popular goberna Galiza deixou de investir na Sanidade galega máis de 1.200 euros e “esa falta nótase” na calidade dos servizos, asegurou o nacionalista.

Aymerich tamén denunciou que na actualidade, a Consellería de Sanidade “mete nun caixón” as facturas das farmacias e presiona aos farmacéuticos e farmacéuticas para que non denuncien.

Colapsos nos servizos de urxencias que provocan mortes

O parlamentario reiterou que “os recortes en sanidade matan” e a pesar do que está pasando, “vostedes seguen tirando para diante” como “abuitres” que se aproveitan da carniza en alusión á falecida no servizo de urxencias de Vigo mentres agardaba ser atendida.

Quén utiliza aos profesionais como “escudos humanos” é o Partido popular e Núñez Feijoo que tras un consello da Xunta, “reponsabilizou aos profesionais” do acontecido neste servizo.

Por último, Aymerich afirmou que non é culpa dos profesionais non contar con medios materiais e humanos, “é culpa da mala xestión da consellería e dun sistema inadecuado” como sucede na cidade de A Coruña onde se está a producir outro “colapso” con 68 pacientes sen cama.

O deputado do BNG concluíu denunciando o dobre raseiro do PP que por unha banda, recorta en sanidade pública mentres sigue insuflando fondos para asociacións integristas da Rede Madre ou pagando unha importante retribución a Xerenta “prima do Sr.Núñez Feijoo” por un labor que vai realizar unha empresa privada.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG