Asemblea Nacional para o 17 de marzo

O Consello Nacional do BNG aprobou o pasado sábado convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo e aprobar o regulamento da mesma.

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, salientou que “deste xeito -asegurou- culminarase un proceso de debate iniciado tralas pasadas eleccións galegas co fin de reorientar politicamente o BNG, adaptar a nosa liña política á nova realidade de crise económica e social que estamos a padecer, e para ofrecer ao pobo galego un proxecto político útil para camiñar cara unha Galiza democrática, soberana e con xustiza social, e que recupere a confianza da sociedade galega”.

Este proceso de debate fíxose sen límites previos, de abaixo a arriba. Así nunha primeira fase houbo debates nas asembleas comarcais, onde xurdiron as primeiras reflexións que se transformaron nun documento aberto que se volveu debater nunha segunda fase nas asembleas comarcais.

E ao mesmo tempo, este proceso de reflexión abriuse ao conxunto da sociedade galega a través da iniciativa PROPONCONNOSCO.

En próximas datas informarase máis detalladamente do lugar e do horario da asemblea.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG