Unha nutrida e significativa representación do mundo da cultura asinou o manifesto Aquí e Agora, para ter voz propia de apoio á candidatura do BNG ás eleccións xerais do 28A, que xa suma máis de 150 sinaturas e ao que puxeron voz na presentación aos medios a escritora Ana Cabaleiro, o escritor e ensaísta Suso de Toro, a actriz Iria Pinheiro e o director de cine, Alfonso Zarauza.
“Queremos facer expreso o noso apoio a esta candidatura por considerar que é a única forza capaz de defender os intereses dos e das galegas no marco político do Estado”, explicou Cabaleiro, quen salientou a diversidade e pluralidade das persoas asinantes de todos os ámbitos de creación: literatura, cinema, teatro, música, xestión cultural, investigación, docencia, artes plásticas, ilustración, fotografía, xornalismo, ou activismo da memoria histórica.
“Todas as asinantes temos en común que queremos darlle voz a nosa propia cultura, para mantela viva ante un centralismo voraz que despreza outras identidades culturais históricas ao tempo que impide que outros pobos do Estado accedan a nosa creación artística e se enriquezan con ela”, argumentou Cabaleiro.
Pola súa parte, Suso de Toro explicou que o manifesto “ten a ver coa responsabilidade dunha intelectualidade que desde sempre ten o dobre reto de ser voz crítica do seu tempo e de dicir que este país existe, de expresar a nación galega”, indicou, responsabilidade que “moitas veces ten un custe”. De Toro instou á cidadanía a optar por unha forza política propia que ten o seu centro de decisión en Galiza.
“O BNG é unha voz imprescindible porque é a única que di que Galiza existe como nación, a única que quere ter poder político propio, a única que non está sometida a estratexias da corte madrileña”, alegou. Pese aos “custes”, recalcou De Toro, é necesario comprometerse, e fixo un chamamento ao conxunto da cidadanía para apostar “por unha forza propia, que non é unha improvisación senón que ven de atrás e vai cara adiante”.
A actriz Iria Pinheiro apelou á necesidade “de que se nos escoite en Madrid, ensinarlle os dentes ao Estado español”, ao tempo que reclamou políticas propias “tendo en conta que as persoas que nos adicamos a cultura somos clase obreira e precisamos que se atenda ao noso traballo porque este sector é un recurso de riqueza”. “Penso que vivimos baixo un tellado de uralita, que o amianto non nos fai ben e temos que retellar con tella do país”, expresou graficamente actriz.
Nin parvadas, nin frivolidades
O director de cine, Alfonso Zarauza, tras confesarse decepcionado do chamado espazo rupturista, asina o manifesto por considerar que o BNG é a única opción que ten “a afouteza e a grandeza de defender os intereses de Galiza, a única forza coherente coas necesidades do país”. “Non están os tempos ni para parvadas nin para frivolidades fronte a unha dereita española que está volvendo a unha recentralización radical, con postulados predemocráticos dando pasos para atrás moi perigosos”, advertiu.
“Estar na miña casa creando sería moito máis cómodo que visibilizarse politicamente, pero é o momento de dar un paso adiante, ser valentes e dar a cara. Por iso apoio este manifesto a favor do Bloque”, explicou.
Máis de 150 nomes propios
Para sumarse ao manifesto o enlace web Paratervozpropia.gal, que xa recolle as sinaturas de destacados creadores como Alfonso Becerra (dramaturgo), Antón Riveiro Coello (escritor), Carme Adán (escritora), Caxade (músico), Faia Díaz (cantante), Manuel Sendón (fotógrafo), María Lado (escritora), María Reimondez (escritora), Quique Costas (docente UVI), Roberto Pascual, (director da mostra de Teatro de Ribadavia), Ugia Pedreira (música), Vanesa Sotelo (dramaturga), Xurxo Souto (músico e escritor) ou Anxo Fazánz (directora de cine), entre moitos outr@s.
O BNG considera que o sector da cultura é clave para o país e iso tamén o traslada á campaña como demostra a presenza do ilustrador Kiko da Silva ou do actor Miguel Pernas nas candidaturas ou a colaboración de Isabel Risco e Quico Cadaval no encontro nacional. Ademais, de novo, todo o material que o Bloque usará na campaña terá como marca de calidade o da “cultura galega”.