No marco dos debates da Comisión de Reconstrución do Congreso, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou diversas emendas orientadas a favorecer unha saída social e xusta da crise; a defender a capacidade da Galiza para decidir sobre os seus asuntos, fortalecendo o autogoberno, e a apostar por servizos públicos fortes e de calidade, frente ao proceso de precarización que viñeron sufrindo nos últimos anos.
No ámbito da Sanidade, especialmente castigada polas políticas de recortes, de precarización e de privatización realizadas, a crise da COVID 19 puxo claramente en evidencia os déficits existentes e a necesidade de fortalcer un servizo público de calidade e universal.
Nese sentido, o BNG defendeu a necesidade da xestión pública da sanidade, eliminando entes e fórmulas que se viñeron empregando e que inciden no deterioro e a privatización do servizo, así como a necesidade de aumentar os recursos destinados aos servizos de saúde. Entre eles, a dotación de máis orzamentos que puidesen posibilitar tamén o aumento do persoal necesario para camiñar para un sistema de saúde á altura das necesidades da atención da poboación, sen esquecer que debe estar preparado para enfrontar novos brotes desta ou doutras posíbeis pandemias.
Mais, para poder aumentar o persoal do sistema de saúde, para alén de recursos económicos, é necesario eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos que se veu mantendo en vigor desde a anterior crise económica e que veu funcionando como o principal elemento de imposición de recortes e de deterioro da sanidade. O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu na Grupo de Traballo de Sanidade unha emenda nese sentido: "Eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos para así terminar coa precariedade laboral". A emenda saíu aprobada con 260 votos favorábeis.
“É un paso moi importante -resalta Rego- porque implica eliminar un dos principais obstáculos para poder ampliar o persoal da Sanidade após moitos anos de redución de efectivos, o que deteriorou de forma importante o servizo; e iso é así en todos os servizos públicos. Agora esperamos que o Goberno faga caso deste criterio incorporado ás conclusións e acabe aplicándoo canto antes”.
Por outra parte, o deputado nacionalista lamentou que as forzas que integran o Goberno, PSOE e Unidas Podemos, votasen en contra de propostas do BNG que buscan unha saída social e xusta da crise. Entre elas nacionalizar empresas dos sectores estratéxicos -co exemplo de Alcoa-, implantar un imposto ás grandes fortunas, reducir o gasto militar ou recuperar o fondo de rescate bancario.
Da mesma forma, as principais forzas políticas españolas rexeitaron a proposta do BNG de producir as mudanzas políticas necesarias para que nacións como a Galiza puidesen asumir a capacidade de decidiren de forma libre e soberana sobre os seus asuntos, única maneira de promover un desenvolvemento apoiado nos recursos e potencialidades do noso País.