parlamento galego

Apoio unánime do Parlamento á iniciativa do BNG para que Galiza non quede excluída da futura rede ferroviaria europea de mercadorías

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará criticou que  que tras  anos de  gobernos  PP, Galiza permanece ausente da modernización e das redes de transporte  

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para defender ante as institucións europeas e o goberno central a integración do Corredor do Noroeste no órgano da UE que xestiona o transporte de mercadorías do Corredor Atlántico.

Tras amosar diversas fotografías para constatar  “ a discriminación” de Galiza no documento oficial da plataforma de xestión do Corredor Atlántico, dependente da Comisión europea á que pertencen as  axencias ferroviarias dos catro países  polos que transcorre o Corredor  Atlántico, o deputado nacionalista, cualificou esta circunstancia de  “aldraxe e discriminación” do Goberno Central e da Comisión europea  e  “ pasividade da Xunta” en materia ferroviaria. Neste sentido, acusou ao goberno do PP de practicar o “inmobilismo” e falta de “planificación, previsión e impulso” como constata a elaboración da estratéxica loxística de Galiza para aos anos 2020-2028, aínda sen presentación pública.

O parlamentario lembrou que no ano 2013 o Parlamento europeo aprobou o trazado do Corredor Atlántico cos votos favorables do PP, gobernando Rajoy e a Ministra de Fomento, Ana Pastor, polo tanto, dixo, dirixíndose ao portavoz popular, José Manuel Balseiro, “vostedes sos os verdadeiros responsables da exclusión de Galiza”.

O nacionalista estendeu as súas criticas ao goberno central pola “discriminación de Galiza” na plataforma de xestión onde deben acudir os operadores ferroviarios para o transporte de mercadorías. O Goberno central, recalcou,  coñecía esta situación,  pero preferiu “ocultala” e ADIF é a xestora desta oficina.

Na súa intervención, Bará tamén lembrou  ao portavoz popular que durante o goberno de Rajoy e Ana Pastor foi aprobado o “maior mazazo ferroviario” contra o ferrocarril galego coa supresión de trens, 106 á semana e 1.776 paradas e o peche de 20 estacións. Vostedes cando gobernaron en Madrid “foron os maiores inimigos do tren galego”.

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para impulsar o transporte ferroviario de mercadorías 

A través dun texto transacionado, o Parlamento galego aprobou:

  1. Dirixirse ao goberno de España e autoridades europeas co obxecto de que o itinerario Noroeste do Corredor Atlántico- no que figura expresamente Galiza non sexa excluída do  mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías.
  2. Convocar os axentes do transporte de mercadorías para demandar a revisión da exclusión de Galiza da rede de autoestradas ferroviarias.
  3. Demandar do goberno central a aprobación no presente ano do Plan Director do Corredor Atlántico, incluíndo nel todas as demandas relacionadas co Corredor Noroeste.
  4. Tendo en conta o atraso de Galiza en materia de transporte de mercadorías, demandar do goberno central un Plan extraordinario de investimentos na modernización do ferrocarril de mercadorías que equilibre e compense o escaso desenvolvemento que sofre o noso país nesta materia.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG