Os viticultores da Ribeira Sacra poderán ter axudas económicas directas da Xunta grazas a unha iniciativa do BNG que defendeu este martes no Pleno do Parlamento o deputado da comarca Iago Suárez, quen advertiu que estará vixiante para que o PP cumpra co acordo anunciado na Cámara, que aínda se votará na sesión plenaria de mañá, mércores. “Non chegan as axudas pírricas”, sostivo.
No transcurso de debate da iniciativa, o deputado nacionalista conseguiu tamén o apoio da maioría para que a Xunta deseñe e poña en marcha as medidas necesarias para impulsar na Ribeira Sacra a remuda xeracional, que xunto ás enfermidades que afectan á uva é un dos grandes problemas que sofre o sector na zona, ao que agora se suma tamén o feito de que hai produtores aos que non se lles vai recollerlle a uva, o que supón un golpe letal para parte do sector.
É por iso que outro dos puntos do acordo anunciado inclúe, tal e como recolle a iniciativa proposta polo Bloque, que a Xunta arbitre medidas para dar saída ao exceso de uva na denominación de orixe.
Suárez criticou que até o de agora o Executivo de Rueda fixese ouvidos xordos ante as reclamacións que levan facendo dende hai meses os viticultores, representados na tribuna do Parlamento durante o debate en Pleno por unha delegación convidada pola formación nacionalista. Viticultores que se enfrontan a unha grave crise diante da cal a Consellería do Medio Rural só ten ofrecido unha “liña de axudas ridícula e pírrica” , 300 euros por hectárea “que amosan o descoñecemento do territorio” pois a media de superficie por viticultor é de 0,6 ha. “Toca a 180 euros por viticultor”, advertiu Iago Suárez, que ironizou ao asegurar que “para sobrevivir terán que acabar comendo as uvas que non recollan as adegas”.
O deputado do BNG explicou que hai produtores que xa saben que este ano non van vender “nin un só quilo de uvas” e que “moitas familias non ingresarán nin un só euro pola venta de uvas”, e criticou que mentres isto ocorre, “en plena crise do viño”, o PP se limite a “irse de copas”, aludindo á recente visita de Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Rural a unha adega de Chantada.
“Sen viticultores non hai Ribeira Sacra”
“Que queren vostedes, unha Ribeira Sacra patrimonio da humanidade na que os viticultores non teñan para vivir?”, preguntou Suárez ás bancadas populares despois de destacar, precisamente, que é grazas a quen traballa “contra vento e marea” os viñedos que a Ribeira Sacra conserve unha “paisaxe incríbel”. “Sen viticultores non hai Ribeira Sacra, o único territorio de viñedo BIC do Estado español e que aspira a ser ter patrimonio da humanidade”, salientou o deputado do Bloque.
Iago Suárez, que lamentou que o PP non amosase vontade de realizar unha cartografía da Ribeira Sacra, insistiu en que fiscalizará o labor da Consellería para facer que se cumpra co anunciado e que o acordo que se votará mañá non quede “no de sempre: facer que se fai”. Cominou así á Xunta do PP a usar as ferramentas que ten nas súas mans para evitar o “futuro descorazoador” que se albisca na Ribeira Sacra.
“Se non se pon remedio, quedarán só tres ou catro adegas moi bonitas, probablemente de xente ligada ao PP, e practicamente desaparecerá unha actividade económica milenario”, dixo.
O deputado do BNG reclamou, entre outras cuestións, a posta en marcha dunha campaña de promoción “en serio e ben financiada” dos viños da Ribeira Sacra, e cuestionou, neste sentido, a efectividade das medidas anunciadas pola Xunta, como a “destilación de crise” para as bodegas que queiran dar saída aos excedentes, sen que vaia asociada á recollida de uvas aos viticultores.
“Caerá sobre vostedes a responsabilidade de deixar morrer unha actividade económica histórica”, concluíu advertindo o deputado de Chantada.