A portavoz nacional, Ana Pontón, manterá unha serie de encontros coa comunidade galega en Suíza entre os días 14 e 16 de abril nas cidades de Xenebra, Zurich e Basilea coa vontade de fornecer as relacións da formación nacionalista coa grande comunidade galega residente no exterior.
Pontón manterá diversos encontros cos centros galegos e as galegas e galegos a título individual de distintas profesións para coñecer a realidade da diáspora galega no país alpino. O obxectivo desta visita é o reforzo dos lazos do BNG, como partido principal da oposición, coa colectividade galega e compartir o modelo BNG para os concellos de moitas das persoas que forman parte da emigración.
A líder da oposición trasladará o interese do BNG nas problemáticas que afectan a galegas e galegos na emigración como as pensións dos retornados e a fiscalidade. A formación nacionalista foi a primeira en denunciar as reclamacións do Ministerio de Facenda a tantas persoas galegas que volveron de Suíza e outros países e que provocaron protestas en toda Galiza.
A axenda da portavoz nacional neses días consistirá dunha vista a galegos e galegas destacadas nas súas respectivas profesións nas cidades de Xenebra; en Basilea estará no centro galego Sementeira, onde manterá unha charla coa colectividade galega; en Zurich falará nos centros Ourense e Lalín, onde se atopará tamén coa cidadanía galega da diáspora; finalmente, fará un acto público nesta cidade. Ana Pontón estará acompañada pola eurodeputada do BNG e responsable de Relacións Internacionais, Ana Miranda.
Esta serie de visitas están encadradas na axenda internacional do BNG en relación coa emigración que se realizarán ao longo de 2023.