“Hoxe arranca o xuízo polo accidente do Alvia e quixera trasladar toda a solidariedade e afecto ás vítimas do sinistro, as súas familias e amizades que, nove anos despois, aínda están á espera de que se coñeza a verdade e de recibir xustiza e reparación”, indicou a líder nacionalista ao inicio da súa intervención no pleno.
“Nove anos sen que este Parlamento puidese investigar o maior e máis terrible accidente ferroviario de Galiza, polo veto do PP e do PSOE; nove anos sen que nin o señor José Blanco nin a señora Ana Pastor teñan asumido ningunha responsabilidade política”, denunciou.
Ao contrario, lamentou, “tivemos que ver como a ex ministra de Fomento, manobraba para impedir un informe da Comisión Europea moi crítico co Estado español, informe que foi posible grazas ao traballo man a man do BNG coas das vítimas en Bruxelas”. “Nove anos despois ás vítimas seguen esperando xustiza, verdade e reparación e van seguir contando co BNG no seu empeño, porque é unha débeda con todas e cada unha das persoas que viaxaban nese tren ALVIA e co conxunto da sociedade galega”, concluíu.