A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o primeiro mitin de campaña para pedir o apoio dos galegos e das galegas desencantadas cos catro anos de lexislatura marcados pola discriminación a Galiza, desaparecida da axenda estatal. A todas animou a dar un cambio o 28 de abril optando pola papeleta do BNG.
“Desde Pontevedra quero dirixirme a todas as persoas decepcionadas destes catro anos para dicirlles que aquí teñen a man tendida do BNG para recuperar a ilusión. Porque se pode facer política doutro xeito. Os galegos e as galegas non temos que seguir soportando máis discriminacións. Podemos ser decisivos votando BNG o 28A”, proclamou desde Pontevedra onde compartiu escenario co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa candidata ao Congreso, Carme da Silva.
A líder nacionalista segura da remontada do BNG: “Quero vervos cun sorriso de orella a orella e quero pedirvos que sexades a nosa voz, que amplificades esa onda de simpatía, porque Galiza necesita ter quen a defenda sen subordinacións e sen ataduras. E a papeleta que pode garantir que Galiza sexa decisiva e respectada é a do BNG”, recalcou.
“Pontevedra é o mellor exemplo do que somos capaces cando confiamos nas nosas propias forzas”, alegou, ao tempo que subliñou a dobre utilidade do voto ao Bloque, “porque tamén somos garantía fronte a involución democrática”.
Nun Teatro Principal abarrotado, Pontón ironizou coa “aparición mariana”, -en referencia a presenza de Raxoi na cidade do Lérez-, e a pretensión de Feixóo de “honrar o seu legado”. “Que legado? O recortazo de 442 M€ nos orzamentos do Estado? Os 2.000 M€ que deixou sen investir só no AVE mentres estivo na Moncloa? O legado dos 188 M€ que deixou sen pagar en dependencia? Ou quere celebrar o empeño en atornillar ENCE na Ría de Pontevedra para que as portas xiratorias sigan funcionando?”, interpelou Pontón.
Un traslado de ENCE que o BNG da por feito. “Aínda non se deron conta de que a batalla de ENCE vaina ganar a veciñanza, vaina ganar o Concello, vaina ganar a Ría, vaina ganar Pontevedra? E esa batalla vaina ganar a futura deputada por Pontevedra, Carme da Silva, unha muller valente, con coraxe e con forza. Unha muller que non vai dar nin un paso atrás nese empeño, nin con pintadas, nin con coaccións, nin con manipulacións”.
Precisamente, Da Silva deixou claro a firmeza na súa demanda en relación á pasteira.
“A marcha de ENCE da Ría de Pontevedra será unha reclamación permanente nas institucións e nos xulgados desde onde agora chegan vitorias”. Da Silva foi clara ao afirmar que “de ningunha maneira nos imos engurrar nin ante as presións da empresa, do PP ou dos que nos intentan amedrentar. ENCE vai saír da ría pola vontade popular, porque Galiza o merece, porque non temos que aguantar chantaxes de que ou está aí ou marcha eliminando postos de traballo”, asegurou categórica.
A candidata por Pontevedra tamén foi directa nas críticas a Feixóo e ao PP, “comprados” pola pasteira. “Máis que exercer de presidente dos galegos e das galegas parece interesado en entrar no consello de administración de ENCE”, ironizou.
Da Silva amosouse “ilusionada” e “firme nas reivindicacións” ante o seu labor como deputada a partir do 28A. “A miña grande ilusión vén da forza, da enerxía, e do cariño que a xente está a amosar ao BNG e que xa nos está a arrastrar a Madrid. Hai unha corrente de simpatía que permitirá que o Bloque volva estar no Congreso dando voz a Galiza”.
Debate entre machos alfa
Pontón concluíu cunha referencia ao debate electoral previsto entre “esa colección de “machos alfa da política española” e aventurouse a facer unha aposta. “Estou segura que non a perdo: Ningún deles, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galiza. Porque non lles importa, so queren os votos”.
“Por iso, para falar de Galiza, dos nosos problemas e das súas solucións, propuxen un debate con Feixóo na TVG en horario de máxima audiencia. Pero o “campión” dos debates na oposición dixo que non, así que de polo sen cabeza...a galiña!”, concluíu irónica.