Xerais 2023

Ana Pontón: “Temos ao alcance da man darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid con escanos polas catro provincias”

Visita Ourense
Visita Ourense

Pide concentrar no BNG o voto de país e rebelde para facer historia e lograr representación en Lugo e Ourense a costa de restarlle ao PP

“Dani Castro e Noa Presas van revolucionar o Congreso dándolle voz á Galiza do interior fronte á discriminación das forzas estatais”, declara

Apela ás persoas que votaron BNG nas municipais para que repitan o 23X

O BNG aposta por darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid con deputados e deputadas das catro provincias e, de cara a ese obxectivo, a portavoz nacional, Ana Pontón, duplicou axenda no penúltimo día de campaña desprazándose a Lugo e a Ourense onde o Bloque lle disputa escanos ao PP.

“Temos ao alcance da man darlle a Galiza un grupo forte en Madrid con escanos polas catro provincias”, sintetizou na cidade das Burgas, tras pasar antes por Lugo.

“Acabo de estar en Lugo co próximo deputado por esa provincia, Dani Castro, e agora estou en Ourense coa que será deputada por esta provincia, Noa Presas. Non é casualidade, é para deixar claro que este 23X queremos facer historia dándolle á Galiza interior unha representación coas mans libres para acabar coa discriminación das forzas estatais”, declarou desde Ourense.

Noa Presas e Ana Pontón
Noa Presas e Ana Pontón

Previamente, Pontón pasou pola cidade da Muralla onde tirou de ironía para criticar o trato que o “vello bipartidismo PP-PSOE”  da a Galiza.  “Unhas forzas estatais que hoxe están en Lugo para facer o que mellor saben facer: vir en campaña electoral, darse un paseo, pedir o voto e deixar un feixe de promesas que nunca compren. Así de campaña en campaña, é unha tomadura de pelo, unha falta de respecto e unha auténtica burla”, denunciou.

Discriminación que paga a cidadanía dunha Galiza interior que perde oportunidades, denunciou Pontón, citando a despoboación, a emigración de xente moza, a falta de infraestruturas básicas, unha mobilidade por tren do século pasado, perda de peso industrial e de servizos. Todo iso consecuencia do agravio das forzas estatais que prometen unha cousa e fan a contraria cando gobernan, que fan en Madrid o contrario do que din en Galiza.

Visita Lugo
Visita Lugo

“É hora de que Lugo e Ourense deixen de perder e empecen a ganar”, proclamou Pontón, acompañada por Daniel Castro e por Noa Presas, cabezas de lista polas respectivas circunscricións, “van revolucionar o Congreso cunha voz forte e reivindicativa que vai colocar Lugo e Ourense no mapa e na axenda do Estado para que ambas provincias en vez de retroceder, avancen”.

Avancen en infraestruturas, servizos, benestar social, en atención ás persoas maiores,  “que teñen as pensións máis baixas de todo o Estado”, avancen para darlle futuro á xente moza. De feito, Pontón fixo un chamamento específico á mocidade, para que aposten por un BNG que vai defender unha Galiza na que poidan vivir e traballar.

Dani Castro e Ana Pontón
Dani Castro e Ana Pontón

En Galiza, recalcou Pontón, a alternativa real ao PP é o BNG, cada escano máis do BNG é un menos para Feijóo, sabendo ademais que a papeleta do Bloque vale dobre: para defender os intereses dos galegos e das galegas e para frear a un PP cada vez máis ultra de ganchete coa extrema dereita antigalega.

Por iso, pediu a  todas as persoas que confiaron no BNG nas eleccións galegas e agora nas eleccións municipais que repitan o seu apoio este 23 de xullo para lograr un grupo galego forte en Madrid, sabendo que eses votos serán decisivos na conformación do futuro goberno do Estado nun escenario sen maiorías absolutas. “Témolo ao alcance da man, reiterou, é o que indican os nosos datos internos e tamén a percepción dunha campaña na que fomos a máis”.

Por iso, recalcou, este 23 de xullo “non é o momento de votar nin por medo, ni polo mal menor, senón con ilusión,  con ganas e con orgullo do noso para facernos valer, para empoderar Galiza”. Pontón concluíu facendo un chamamento á mobilización para que “ningún voto de País, rebelde e inconformista quede na casa, unha gran mobilización para facer historia este domingo nas urnas dándolle a Ourense e Lugo unha representación coas mans libres dentro do grupo galego forte en Madrid”.

 

 

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG