Nunha visita realizada á cidade Vigo, Ana Pontón reclamou impulsar a saída ferroviaria sur Vigo-Porto, infraestrutura ferroviaria necesaria para conectar estas dúas grandes cidades e manifestou que “Feijóo debe pedir que os deputados e deputadas galegos voten en contra dos Orzamentos do Estado se non inclúen partidas para modernizar o ferrocarril galego”.
Acompañada da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda e dos responsables local e comarcal, Serafín Otero e Manuel Caride, ademais de diversos membros do BNG , Pontón lembrou que na actualidade, son necesarias dúas horas e cuarto para que o tren percorra os 150 Qm que separan Vigo de Porto. Despois de máis dunha década, afirmou, “o goberno central incumpriu a promesa de modernizar esta vía e impulsar a liña do AVE a Porto o que significaría “unha redución a 75 minutos”.
A finalización do Eixo Atlántico, engadiu a nacionalista, “non remata en Vigo, debe rematar coa conexión con Porto”, proxecto, explicou, do que levamos falando xa máis de dez anos porque segue metido nun caixón en Fomento e a última noticia que temos son os orzamentos do Estado que cualificou de “orzamentos do recortazo”. Xusto o ano que pagaremos máis impostos recortarán en Galiza 442 Millóns de euros e pretenden “tomarnos por parvos e parvas” facéndonos crer que a finalización do AVE remata en Ourense.
A nacionalista insistiu en que existen moitas materias pendentes entre as que destacou a “modernización do ferrocarril a Porto”. Hoxe temos un tren para ir a segunda cidade máis importante de Portugal que máis ben parece “un tren chuchú” e a un ritmo do século pasado. “Necesitamos un ferrocarril moderno” e o Goberno de Portugal xa anunciou o seu compromiso con esta vía que rematará no ano 2019 coa electrificación e dobre vía, polo que preguntou, a que espera Rajoy para poñer enriba da mesa os recursos necesarios que modernicen o ferrocarril galego.
Dende o BNG, recalcou, consideramos que ningún representante político dos galegos e galegas pode “votar a favor dos orzamentos de Rajoy sen un compromiso efectivo e partidas para que o tren de Vigo a Porto se modernice” e pasemos das promesas aos feitos para un “trato xusto” con Vigo e Galiza.
Por outro lado, Pontón tamén aludiu ao Cumio Hispano-Luso previsto para os vindeiros días 29 e 30 de maio e pediu que a axenda do Goberno para este encontro, inclúa “o compromiso real coa modernización do ferrocarril no noso país”, compromiso que debe plasmarse nos orzamentos do ano 2017, apostilou.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, diante da estación ADIF, Vigo-Urzaíz, a portavoz do BNG lembrou que onte mesmo, Núñez Feijóo desprazado á cidade de Porto para recibir unha medalla pedía ao alcalde desta cidade “competencia leal con Galiza” e dende o BNG queremos dicirlle que os problemas da deslocalización da industria da automoción cara o norte de Portugal, “non se solucionan con medallas ou palabras”. O Goberno de Feijóo debe apostar por este sector a través da axilización de solo industrial, facilitar as obras da PLISAN, impulsar a I+D+i en Galiza e promocionar proxectos industriais.
O goberno galego, dixo, segue instalado “na publicidade e propaganda” pero non atopamos feitos que propicien unha expectativa de futuro para o sector da automoción para frear a deslocalización que continua destruíndo moitos postos de traballo en toda a comarca de Vigo.