Ana Pontón responsabiliza a Feixóo do “esperpento” que vive Ourense permitindo a parálise da terceira cidade do País

Luís Seara e Ana Pontón
Luís Seara e Ana Pontón

Contrapón o abandono do presidente da Xunta coas propostas do BNG, empeñado en aportar unha alternativa centrada nos problemas reais

Destaca a dignidade do traballo do Bloque da man de Luís Seara e Ruth Reza, fronte ó “circo”  dun goberno local que se sostén co apoio do PP

Infraestruturas sanitarias, obras de mobilidade urbana, conexións dos parques empresariais, entre as urxencias pendentes de execución

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Ourense para trasladar todo o apoio do BNG a Luís Seara e Ruth Reza, responsables municipais na cidade das Burgas, pola seu traballo político desde a “serenidade” e con propostas en positivo para mellorar a vida da veciñanza, fronte a un goberno local que ten convertido os plenos “nun circo”. Unha situación da que Pontón responsabilizou a Feixóo porque, tendo alternativa, permite un alcalde “letal” e ten a cidade nun completo abandono.

“No BNG cremos na política con maiúsculas, na vocación de servizo público e na acción política desde a serenidade e centrados no que precisa Ourense: apostas en positivo para saír adiante, porque se hai unha cidade abandonada por Feixóo é Ourense”, salientou Pontón. En primeiro lugar, porque antepón os seus intereses partidistas mantendo un goberno local instalado no “esperpento”. En segundo lugar, porque Ourense merece máis que as  promesas incumpridas do presidente da Xunta, ou obras de segunda que son parches, denunciou.

A modo de exemplo, a Avenida Otero Pedrayo, que despois de máis de 2M€ non une o campus, non calma o tráfico e non soluciona os problemas de mobilidade. Tamén fixo referencia á espera de décadas nas conexións dos parques empresariais pendentes, infraestruturas que teñen deficiencias ao pouco da súa posta en servizo, ou as carencias en materia sanitaria, desde centros de saúde que se precisan nos barrios e non se constrúen, pasando polo continuo “parcheo” no CHUO en lugar de poñer en marcha un centro hospitalario do século XXI como se fixo noutras cidades, ou a infradotación de persoal en servizos como o de urxencias.

“Estamos falando do abandono de Ourense, a terceira cidade galega que ten a Feixóo como máximo responsable tanto na súa faceta de presidente da Xunta como de presidente do PP”, recalcou. Fronte a ese abandono, “un BNG empeñado e facer propostas en positivo, en presentar medidas e iniciativas que permitan mellorar a vida da veciñanza, afrontando os problemas reais da cidade, e nesa dirección seguiremos traballando porque somos a alternativa para darlle a Ourense un proxecto de futuro”.

Neste sentido, preguntada por se o Bloque pensa emprender accións legais ante a expulsión do Pleno do seu portavoz municipal, Pontón indicou que a “xudicialización” da vida municipal é unha das cuestións que máis teñen contribuído á “parálise” da cidade e que a formación nacionalista non vai contribuír a esa paralización. “A veciñanza sabe quen é o responsable e desde o BNG non imos movernos un milímetro do noso obxectivo de seguir traballando pola cidade, porque somos a alternativa a este desgoberno”.

Unha idea na que tamén afondou o portavoz municipal Luís Seara: “Quero dicirlles ós e ás veciñas que estamos ocupados e preocupados en solucionar os problemas da xente, en ser alternativa e non hai nada, nin ninguén que nos vaia facer perder nin un segundo en nada que non sexa o noso obxectivo, que non é outro que sacar Ourense da situación de caos e de parálise na que se atopa”.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG