A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na emotiva homenaxe que o BNG adicou a Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, expresando todo o seu recoñecemento no político e todo o seu agarimo no persoal. A líder nacionalista definiu ao rexedor como “un galego de nación” que empezou a construír o País que soñaba desde a súa localidade natal.
“Síntome moi afortunada de ter coñecido a Xosé Represas porque sempre foi unha persoa moi próxima e atenta que demostrou o verdadeiro significado da política porque era un galego de nación que levaba ao seu País no corazón”, destacou, “e demostrou ao longo dos seus anos á fronte do concello a súa capacidade para xerar unha institución máis democrática, máis apegada á veciñanza e que daba solucións aos problemas do día a día pero. Pensou unha Ponteareas dentro dunha Galiza onde teñamos máis futuro”, salientou Pontón.
De feito, a líder do Bloque considera que ese pensar o País desde o seu lugar máis achegado “é unha das ensinanzas que nos deixa Represas, un galego de nación que construíu ese País que soñamos empezando polo que tiña máis cerca: por Ponteareas”, destacou.
Pontón aproveitou o acto para trasladar o seu apoio e afecto á familia e ás amizadas de Represas, así como ós compañeiros e compañeiras do Bloque que traballaron máis estreitamente co alcalde. Un cariño que trasladou a toda a veciñanza de Ponteareas que o despediu con máximo recoñecemento a quen definiu como “o mellor alcalde que tivo nunca Ponteareas, un home leal, dialogante e próximo que deixou pegada para sempre neste concello que tanto quería”.
Unha vila coa que sempre tivo un compromiso firme, desde o seu activismo en iniciativas como a Comunidade de Montes de Xinzo, o Centro Cultural ou a Asociación Forestal de Galiza, desde onde mostrou a súa implicación na construción dun mundo mellor, cun traballo xeneroso, co ben común como único obxectivo. A súa forma de exercer a política explica o seu contacto directo coa veciñanza, cunha aposta clara pola participación inclusiva da cidadanía.
“Nunha das mensaxes que dirixía á veciñanza, Xosé Represas confesaba que o seu compromiso era facer de Ponteareas o noso fogar e que, para iso precisaba de todas as mans, de todos os corazóns, para pensar sobre as obras, os investimentos, as infraestruturas, para debuxar o concello co que soñaba. Ese é o seu legado, a herdanza que recolleu a alcaldesa Cristina Fernández e o seu equipo e que, non teño dúbida, será a feliz folla de ruta que nos deixa Pepe”, concluíu.