A portavoz do BNG recalcou que queda moito por facer na loita contra a violencia de xénero e a desigualdade. Neste sentido, nomeou a desigualdade laboral e a fenda salarial así como outros ámbitos como a cultura, o deporte ou a participación social das mulleres.
A violencia machista sacude cada día o noso país. No que levamos de ano “foron asasinadas cinco mulleres” e dende o ano 2003, en todo o Estado español, foron máis de mil as que morreron a mans das súas parellas. Para Pontón, estes datos son “a punta do iceberg”. Estamos, dixo, vivindo un incremento das violacións e agresións sexuais polo que reclamou “asistencia xurídica gratuíta” para todo tipo de acto violento contra as mulleres.
Pontón insistiu na obriga de situar na axenda e no debate “a loita contra a violencia de xénero” e hoxe máis que nunca é urxente facelo ante a involución dos gobernos cos que pacta o Partido popular de Feixóo que queren “dar pasos atrás nos dereitos das mulleres e na loita machista, mesmo cuestionado a súa propia existencia” por iso, dicímoslle a Feixóo, alto e claro que “pactando con quen nega a realidade da violencia de xenéro non está ao lado das mulleres, está ao lado dos que queren manter unha sociedade desigual e patriarcal”.
A agresión sexual non é un problema privado, é político e público
Este 10 de novembro, afirmou a líder do BNG, “as mulleres galegas xogámonos moito” e dende o Bloque Nacionalista temos un compromiso: “Toda a forza que nos dean os galegos e galegas ímola utilizar para reivindicar xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades do noso país”, pero tamén para abrir un debate sobre a urxencia de responder contra as violacións e agresións sexuais. Neste ámbito, reiterou, o BNG reclamará “ a asistencia gratuíta para as vítimas”.
Pontón tamén se pronunciou contra as sentencias que cualifican de agresión sexual o que en realidade, afirmou é “unha violación” e criticou que as instancias xudiciais amparen ao agresor en vez de defender ás vítimas. A portavoz nacionalista avanzou que o BNG levará ao Congreso a proposta para “tipificar mellor as agresións sexuais” porque só dúas de cada dez acaban nos xulgados e a resposta xudicial é “insuficiente”. Os delitos de agresión sexual deben ser considerados “públicos” actuando de oficio a xustiza, aínda que a muller retire a denuncia.
“Unha agresión sexual non é un problema privado, é un problema público e político”.
Pontón tamén aludiu a outras medidas necesarias contra a violencia machista como o establecendo dun protocolo para todos os sectores que deben dar resposta inmediata ante unha agresión sexual así como mellorar na conciencia e formación da sociedade. “Ou colocamos no centro do debate político que existen abusos ou seguiremos constando situacións que sitúan as mulleres na desigualdade”. O BNG quere que Galiza sega sendo “vangarda na defensa dos dereitos das mulleres e demostrámolo cando gobernamos poñendo en marcha a primeira Lei galega contra a violencia machista, pioneira e máis avanzada que a lexislación do estado”.
Igual que fixemos o 8M e 28A, estamos aquí porque queríamos que o primeiro acto de campaña do BNG fose para reivindicar a forza imparable das mulleres: “Galegas, feministas e loitadoras contra a desigualdade”, concluíu.