Na manifestación en defensa da sanidade pública celebrada no concello de Moaña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos e a senadora nacionalista, Carme da Silva, criticou a política sanitaria do Partido popular e lembrou que un domingo máis, e xa van 96 convocatorias, a veciñanza de Moaña continua loitando pola sanidade pública, un exemplo dixo, "de loita por uns servizos iguais aos que había antes da pandemia".
Pontón recalcou que o Partido popular está "poñendo contra as cordas á sanidade pública" con continuos recortes que no caso de Moaña, "non son produto da casualidade", responden a un claro deseño do PP para deteriorar a sanidade pública e beneficiar á sanidade privada. Dende que goberna o Partido popular", afirmou, a Atención primaria deixou de investir 2.300 millóns de euros. Para a nacionalista, os recortes na sanidade "recortan os dereitos da saúde da sociedade" e Moaña necesita solucións pero tamén unha solución global para o sistema sanitario. Neste sentido, anunciou que o BNG proporá no vindeiro debate do Estado da Nación "un plan para recuperar todos os recursos que o Partido popular privou á sanidade pública e principalmente na Atención primaria" porque non se pode xogar coa saúde da poboación. A consellería e o goberno, recalcou a líder do BNG, ten que deixar xa a "propaganda e as mentiras" e poñerse a buscar solucións.
A portavoz nacionalista cualificou de "moi grave" que a consellería continúe enganando á veciñanza de Moaña porque a responsabilidade dos recortes é do Partido popular e o Presidente da Xunta ten a obriga de dar unha resposta á veciñanza de Moaña nas súas reivindicacións e restituír os servizos sanitarios cos que contaban antes da pandemia.
Pontón instou á Xunta a rectificar a súa política sanitaria e "reverter os recortes" e advertiu que a sociedade "non vai permitir que continúen deteriorando a sanidade Pública".
19.474 veciños e veciñas carecen de PAC en Moaña
Pola súa parte, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos lembrou que 19.474 veciños e veciñas do concello carecen de PAC ao seren trasladado a Cangas en abril do ano 2020 coa escusa do confinamento e coa promesa de devolvelo ao remate da pandemia. Ademais, o PAC de Cangas, explicou a rexedora, ten reducido o seu equipo e a fin de semana non hai transporte público con frecuencias axeitadas entre Moaña e Cangas obrigando a veciñanza a facer uso do seu vehículo privado ou de taxis.
A alcaldesa, lembrou que a veciñanza de Moaña leva 96 semanas concentrándose para reclamar servizos sanitarios xustos e que continuarán coas mobilizacións para acadar a asistencia sanitaria que precisan.