A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita á fábrica de Carballo do Grupo Calvo para destacar a capacidade do complexo mar-industria de Galiza para xerar riqueza e emprego, -do que esta empresa é un referente a nivel internacional-, e solicitar que este sector sexa considerado estratéxico á hora de participar nos fondos europeos de recuperación Next Generation.
“É evidente que estamos nun momento importante para o País e precisamos saír desta crise fortalecendo a capacidade produtiva de Galiza”, indicou, tras subliñar que o Grupo Calvo “é un exemplo da importancia de ter industria para xerar riqueza e emprego e ese é o destino que deben ter os fondos europeos de recuperación”, alegou a líder do BNG tras unha visita guiada ao “corazón” da factoría dunha empresa que en 2020 tivo unha facturación próxima aos 600 M€.
Tras subliñar que eses fondos non poden vincularse a recortes sociais, Pontón destacou que deben utilizarse para “impulsar cambios produtivos”, e tendo en conta que “un dos grandes activos que ten Galiza é o complexo mar-industria e debe ser declarado prioritario na recepción dos Next Generation”. “Hai que apostar pola industria e temos que aproveitar os fondos europeos para xerar un tecido máis rico, mais innovador que xere emprego e riqueza en Galiza”, afondou, poñendo ao Grupo Calvo como exemplo.
Pontón expresou o “orgullo” do BNG ante unha empresa galega “de proxección mundial que é sinónimo de calidade, innovación e de compromiso ambiental e social, un emblema de Galiza”. “É importante ver o pulso empresarial que hai no País e a capacidade para sacar proxectos adiante que apostan por crear emprego aquí, pola investigación e por ter unha implicación co territorio porque esas son as claves de futuro”, argumentou despois do percorrido guiado pola factoría xunto co conselleiro delegado e presidente, Luciano Calvo, acompañada do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O potencial do complexo mar-industria queda claro ante empresas como a conserveira da que a líder do Bloque destacou, ademais, a aposta polo produto galego, como no caso do mexillón, cunha trazabilidade que permite ao consumidor e a consumidora coñecer exactamente a procedencia no que lle chega á mesa.
Pontón aproveitou a visita para salientar algunhas das propostas do BNG para potenciar o sector mar-industria, no que a investigación e a innovación xogan un papel decisivo para xerar valor engadido.
Neste sentido, a formación nacionalista propón a creación dun Consorcio de Coordinación da investigación mariña dedicado a I+D+i en temas como a contaminación e o cambio climático en relación co mar e as rías; usos de produtos do mar tanto na alimentación como na biomedicina ou para biomateriais; para realizar estudos de apoio a sectores produtivos relacionados co mar e para o desenvolvemento de sistemas de obtención de datos mediante BIG DATA.
Igualmente, demanda que os fondos europeos de recuperación sirvan para a Rexeneración produtiva das rías galegas, un ecosistema único en Europa xerador de riqueza e de emprego, con actuacións en áreas como a rexeneración e recuperación ambiental, a comercialización e transformación.