galegas 2024

Ana Pontón propón un Plan de emancipación da mocidade duplicando as axudas ao alugueiro e aumentando a contía

Encontro mocidade
Encontro mocidade

“Vou traballar para que a xente moza poda desenvolver os seus proxecto de vida,  hoxe limitados porque o acceso á vivenda e misión imposible”, declara

Galiza está á cola en emancipación de todo o Estado, de tal xeito que só tres de cada dez persoas de entre 30/40 anos dispón de vivenda por conta propia

Medidas: mobilizar vivenda baleira, liña de axudas específica da Xunta e crear unha bolsa de pisos para estudantes en colaboración coas universidades

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantivo en Ames un café-encontro coa xente moza no que explicou algunhas das medidas do proxecto de goberno do BNG para a mocidade, entre as que destacou a posta en marcha dun Plan de emancipación da mocidade  para facilitar o acceso á vivenda, unha cuestión que, advertiu, está retrasando e limitando as expectativas e os proxectos de vida dos nosos mozos e mozas.

Pontón indicou que o plan pasa, por unha banda, por mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezo limitado e, por outra, por aumentar as axudas ao aluguer, cunha batería de medidas encamiñadas a facilitar a emancipación da xente moza que “resulta misión imposible” pola carestía da vivenda.

Deste modo e como primeira medida no curto prazo, un Goberno liderado polo BNG incrementará as axudas destinadas ás bolsas ao alugueiro para chegar, como mínimo, ao dobre de persoas, incrementando ademais as súas contías. En segundo termo, anunciou unha nova liña de axudas propia da Xunta para as mozas e mozos que se desprazan por razóns de estudo e non teñen contrato laboral, que agora están excluídos dos programas públicos de aluguer.

A isto sumou a creación dunha bolsa de vivenda para estudantes en colaboración coas universidades, en réxime de alugueiro a prezos accesibles “e en condicións de dignas” para que, recalcou, “non vexamos pisos con humidades, que non cumpren cos requisitos mínimos”, como está denunciando estes días o estudantado.

Por último, Pontón apuntou o Plan de mobilización de vivenda baleira que ten previsto poñer en marcha o goberno que aspira a presidir, para poñela no mercado de aluguer a prezo limitado; plan que tamén inclúe a compra de vivenda por parte da Xunta para poñela en réxime de aluguer. A mocidade será un dos colectivos beneficiados prioritarios “porque sabemos as dificultades que hai neste momento”, subliñou.

Neste sentido, recordou que a taxa de emancipación é de tan só o 15% entre os 16 e os 29 anos, unha taxa na que a franxa de idade entre os 30 e os 34 anos sitúa a Galiza terceira pola cola (con só 3 de cada 10 persoas que logran emanciparse), segundo o último informe do Consello da Xuventude do Estado.

A candidata do BNG advertiu que a mocidade galega ten que destinar entre un 50 e un 60% do seu salario á vivenda para poder emanciparse, cando todos os estudos indican que esta porcentaxe non debería supoñer máis do 30% dos ingresos. “Cos salarios tan baixos que hai neste País e que son máis baixos no caso da mocidade, isto é misión imposible”, recalcou nun café cun grupo de mozos e mozas, coas que ademais de departir sobre as súas demandas tamén tivo tempo para a complicidade botando unha partida de futbolín.

Pontón reafirmou o seu compromiso coa mocidade e, se obtén a confianza para ser presidenta, facilitar o acceso a unha vivenda será unha prioridade de goberno.  “Imos poñer a Xunta a traballar ao seu favor para que o da vivenda non sexa un problema, senón que busquemos solucións, e imos dar o mellor de nós para que a mocidade estea no centro das políticas públicas e que poida emanciparse e facer o seu propio proxecto de vida e axudarlle a cumprir os seus soños”, concluíu.    




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG