Galegas 2020

Ana Pontón propón unha Mesa galega da Automoción para abordar os retos normativos e tecnolóxicos que encara o sector e garantir o seu futuro

Automoción Vigo
Automoción Vigo

Tarifa eléctrica galega, formación para adaptarse a industria 4.0, plan industrial e combater a deslocalización, entre as medidas do programa de goberno do BNG

Bará destaca a necesidade dun pacto para preservar os dereitos laborais nesta crise que tamén impacta no sector do automóbil

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, desprazouse a Vigo onde mantivo unha xuntanza con representantes dos traballadores e traballadoras do sector da automoción, no que tamén participou o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.

No encontro, Pontón destacou o carácter “estratéxico” do sector como “motor de desenvolvemento económico de Vigo e área de influencia”, pero tamén alertou contra “ás incertezas” derivadas dos cambios tecnolóxicos e normativos que o sector debe prever e encarar para non naufragar. A líder nacionalista deixou claro que o programa de goberno do BNG fai unha aposta sen ambaxes polo sector da automoción, con medidas concretas para encarar os retos de futuro.

“O sector está nun proceso de cambios acelerados que lle impactan de cheo como a desaparición do diésel e hai que prepararse e anticiparse tendo en conta tamén a lexislación que se está poñendo en marcha. A automoción é un elemento clave na economía de Galiza e ten que prepararse e modernizarse para encarar con solvencia o futuro e, neste, sentido presentamos medidas de goberno”, explicou tras o encontro.

Entre as propostas destacadas pola candidata do Bloque, a posta en marcha duna Mesa galega da automoción, integrada polas tres universidades galegas, o actual clúster empresarial (CEAGA) e as centrais sindicais, “para deseñar as liñas de futuro do sector que teñen que ter unha aposta clara pola I+D+i, por mellorar a competitividade e por adaptarse ao novo escenario”, explicou.

Igualmente, a creación dunha tarifa eléctrica galega “á que se poidan acoller as empresas para que os recursos enerxéticos do país sirvan para dar vantaxes competitivas tamén a este sector , unha tarifa que xa ten Euskadi e que lle permiten aforrar millóns de euros cada ano as súas empresas electrointensivas”, alegou.

Entre as medidas de goberno, o BNG inclúea poñer en marcha un Plan de formación profesional que prepare profesionais para a chamada industria 4.0 e permita atender as necesidades de contar con persoal cualificado e atender á demanda e emprego do sector. E ao mesmo, tempo, resaltou Pontón, hai que reverter a crecente “precarización” das condicións laborais do sector porque o seu futuro da automoción “non pode escribirse con "p" de precariedade”.

Medidas todas que se completan co deseño dun Plan galego para a industria da automoción, no que a I+D+i xogue un papel decisivo, de aí que o Bloque inclúa no seu programa de goberno duplicar o investimento en investigación e desenvolvemento até acadar o 2,5% do PIB en catro anos e situar a Galiza en ratios dos países do seu entorno.

Pontón fixo referencia a unha das cuestións que máis preocupa ao sector, como é a deslocalización cara o país veciño Portugal, ao que se trasladaron centos de empresas nos últimos anos. Neste sentido, a candidata á Presidencia apuntou a unha lei específica para combater a fuga de empresas, tanto pola vía dos incentivos, como pola vía de recuperación de calquera axuda pública que tivese recibido, así como vincular as subvencións a creación e mantemento do emprego.

Peso no PIB e no emprego

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, insistiu no carácter estratéxico do sector como demostran os datos, tanto polo seu peso no PIB como no emprego, 9.699 M€ de movemento económico e case 25.000 postos de traballo. Subliñou que ante as incertezas compre procurar que a crise “sirva para acelerar unha serie de cambios que estaban pendentes e adaptarse á nova realidade da demanda no ámbito do automóbil”.

En canto a propostas concretas, a primeira pasaría pola intervención pública en empresas estratéxicas e tamén por que os fondos de axudas estean condicionados ao mantemento do emprego e a localización das empresas en Galiza. Igualmente, camiñar cara unha especialización “que permita unha transformación da industria cara a vehículos de maior valor engadido e tamén menos contaminantes para facer fronte ao cambio climático, por exemplo, eléctricos e híbridos que son o futuro, sen desbotar os automáticos”.

Por último, Bará nomeou a necesidade dun pacto para garantir a conservación dos dereitos laborais de traballadoras e traballadoras vigueses e de toda Galiza, “para que esta crise non se resolva cunha nova perda de dereitos e degradación das condicións laborais que é o proceso que se estivo a producir nos últimos anos polas reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP e para as que o BNG defende a derrogación”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG