A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou en plena vendima a adega Pazo Baión, pertencente a cooperativa Condes Albarei, para coñecer de primeira man as expectativas do sector nunha colleita que apunta. “A calidade dos viños galegos non é produto da casualidade senón o resultado do gran traballo de viticultores e adegueiros ao longo do tempo, que fai que os nosos viños teñan un prestixio consolidado dentro e fora de Galiza, polo que me gustaría trasladar os meus parabéns a todo o sector vitícola”, destacou durante o percorrido da man do xerente de Pazo Baión, Xavier Zas.
Pontón trasladou o apoio do BNG a un sector “clave” para a economía, tanto en termos de creación de riqueza e emprego, como tamén polo que aporta na preservación do territorio e de manter un medio rural vivo, e aproveitou a visita para explicar as propostas da formación a favor do sector vitícola. Empezando por unha Lei do viño ambiciosa e integral, que aborde cuestións como a ampliación da superficie de cultivo, o relevo xeracional ou a preservación das castes autóctonas.
A líder do Bloque fixo fincapé na limitada superficie de moitas explotación, porque resta capacidade de competir e de medrar, de tal xeito que segundo estudos recentes a superficie media por explotación en Galicia está en 0,18 hectáreas, cando a media española é de 1,8, “temos un 3,5 % da superficie dedicada a viñedos no Estado, pero en cambio sumamos 200.000 parcelas, o 40 % del total”, indicou.
Hai que estudar fórmulas que permitan aumentar o tamaño das explotacións, recalcou Pontón, porque este factor tamén penaliza a viticultura galega na recepción de axudas. “Por exemplo, na campaña 2019-2020 Galiza so recibiu o 1,1% do total dos 212 millóns de euros distribuídos polo Estado con cargo ao Fondo español de garantía agraria, apenas un euro de cada cen”, argumentou.
É evidente que os criterios de reparto prexudican ao sector, “xa que favorecen a cantidade e non a calidade”, e por iso Pontón demanda do goberno da Xunta que “lidere a interlocución co sector” para facer propostas que cambien esta discriminación por un reparto equitativo, sobre todo de cara ás axudas previstas na PAC estimadas en 202,15 M€ para o período 2023-2027.
O BNG tamén pon sobre a mesa outras propostas a favor do sector, como recuperar as mesas do viño como mecanismo directo e constante debate e diálogo entre Administración con produtores, cooperativas e adegas. Igualmente, Pontón destacou medidas como a de contratos homologados con prezos mínimos para a uva, “dando estabilidade ao sector tanto na parte de produción como de comercialización”, e poñer en marcha un sistema de financiamento a través do IGAPE para o pago ao contado da uva.
E, indicou, seguir apostando pola innovación e a investigación para continuar na senda da calidade dos viños galegos, “cada vez máis valorados tanto no interior como a nivel internacional”, concluíu Pontón, tras unha visita na que tamén participou a deputada pola comarca do Salnés, Montse Prado, a portavoz parlamentaria de Agricultura, María Albert, e responsables locais e comarcais do BNG.
A finca e adega de Pazo Baión pertence a cooperativa Condes de Albarei presidida por María Dolores Calvo, a única presidenta dunha cooperativa vitícola en Galiza e, como informan desde a propia adega, foi fundada en 1988, está integrada por 400 familias do Val do Salnés e ten un gran nivel de internacionalización con presenza en máis de corenta países.
Galiza, segundo os últimos datos oficiais, conta cun total de 13.247 viticultores no conxunto das DOP, 461 adegas e unha superficie inscrita no conxunto de 9.266 hectáreas, mentres que o valor económico é de 206 millóns de euros.