Ana Pontón propón un gran pacto pola ciencia que sitúe a Galiza na vangarda cun orzamento equivalente ao 2,5% do PIB

Visita CICUS
Visita CICUS

Fortalecer o sistema de I+D+i das universidades, plan de captación e retención de talento e a creación do INNOGAL, entre as prioridades

Visita da man do seus máximos responsables científicos ao CIQUS, que o BNG valora como centro de referencia en investigación biomédica

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita ao CIQUS, un dos centros de referencia en investigación biomédica, para avanzar a proposta dun gran pacto pola ciencia que o BNG vai levar ao Parlamento. Un pacto que sitúe a Galiza na vangarda científica e que ten no financiamento a clave para estar en liña cos países máis avanzados,  e por iso propón  o equivalente ao 2,5% do PIB.

Da man dos máximos responsables científicos do CIQUS, José Luís Mascareñas e Dolores Pérez, e tras visita o laboratorio do investigador José Martínez Costa, que ten entre os seus proxectos o desenvolvemento dunha vacina anti COVID, Pontón destacou a importancia capital de apostar pola ciencia e pola investigación.

“Constatamos a importancia da investigación básica en todos os ámbitos. Que pasaría se o apoio público á ciencia en Galiza estivese en cifras similares á media europea? Que posiblemente teríamos unha vacina propia contra o virus, con todo o que iso implica en termos de saúde pública, pero tamén de autonomía na produción dun ben que salva vidas sen estar sometidos á chantaxe de ningunha multinacional farmacéutica”, argumentou Pontón.

A líder nacionalista pide aprender as leccións deixadas por unha pandemia que non será a última. Unha delas moi clara, indicou, “a necesidade de contar cun sistema científico forte en Galiza polo que propoñemos un gran pacto pola ciencia e a innovación cunha dotación económica á altura do reto, que ciframos no 2,5% do PIB”.

Visita CICUSUn pacto que permitiría un paso de xigante se conta co investimento acaido, pois remataría coa precariedade dos e das investigadoras, coa falta de medios para dar un impulso á ciencia base e permitiría aproveitar todo o potencial do capital humano que hai en Galiza, traer de volta ao talento investigador e científico emigrado e captar novos activos.

Pontón tamén puxo o foco na importancia de aproveitar os fondos Next Generation que, sen ser a panacea, son os únicos recursos extraordinarios para saír da crise e dan acceso a 75.000 M€ directos en axudas. Unha parte importante dos fondos deben canalizarse para fortalecer o sistema investigador galego, explicou.

“Desde o BNG propoñemos un auténtico ecosistema de investigación e innovación galego que facilite a integración da ciencia e a tecnoloxía empresarial e que, ao mesmo tempo, fortaleza a universidade como centro de transferencia de I+D+i. E todo iso cun investimento de 320 M€ con cargo aos fondos Next Generation”, explicou.

Entre as propostas, crear o INNOGAL, un centro público de innovación similar ao Ikerbasque en Euskadi ou o ICREA en Catalunya, “que faga o papel de coordinación e impulso da ciencia e da investigación, de captación e retención de talento investigador, porque sen persoal científico non hai ciencia nin investigación, que o mesmo que dicir, que non haberá futuro”.

Por iso, o BNG propón un Plan de captación e retención do talento que emigrou do País por falta de oportunidades así como definir a carreira profesional investigadora.

Pontón tamén pon sobre a mesa unha estratexia para fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, o máis importante foco de ciencia e investigación e da súa transmisión ao sector económico público e privado. A dixitalización de todos os campus estaría incluída dentro desta estratexia. Finalmente, potenciar a investigación biomédica tomando como punto de partida os centros de referencia que ten Galiza, entre eles o CIMUS e o CIQUS, garantindo que dispoñan dos servizos e das infraestruturas necesarias.

“En definitiva, Galiza ten que apostar con decisión pola ciencia e a investigación como base para desenvolver un novo modelo económico verde, sustentable e de vangarda, entrando de cheo na modernización da man da I+D+i para situar a Galiza na vangarda”, concluíu, tras unha visita na que tamén participou a portavoz parlamentaria de ciencia, Olalla Rodil, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG