A portavoz nacional, Ana Pontón, abordou na sesión de control ao presidente da Xunta a situación da saúde mental en Galiza, aportando os datos que mostran unha “dolorosa” realidade que viven miles de persoas neste País, cunha taxa de suicidios en 2021 que case duplica a media estatal e a cabeza en consumo e psicofármacos.
Pontón puxo cifras a este drama. “331 persoas se suicidaron o ano pasado e incluso antes do shock da COVID, 400.000 galegos e galegas tomaban tranquilizantes ou pílulas para durmir, encabezando o consumo de somníferos, ansiolíticos ou antidepresivos”. Ante esta situación, a líder do Bloque interpelou ao xefe do Executivo: “Sabe, señor Rueda, que as galegas e os galegos son os que máis deprimidos se senten de todo o Estado?”.
Pero o Goberno do PP, denunciou, “leva trece anos ignorando esta durísima realidade, deixando solas a miles de persoas que, en moitos casos, non teñen máis axuda que unha caixa de ou prozac ou lorazepam. E non podemos dar isto por normal, nin tampouco que a saúde mental depende da conta bancaria de cada persoa, dependa de se tes cartos para pagar un psicólogo ou un psiquiatra na privada”.
A portavoz nacionalista, definiu os trastornos que afectan á saúde mental como “a pandemia do século XXI”, que en Galiza ten xa ao 23% da poboación cun problema de saúde mental crónico. “Miles de mozos e mozas cada día sofren angustia, trastornos alimentarios, auto-lesións; miles de mulleres e de homes sofren estres, ansiedade, insomnio, depresión; miles de persoas maiores sofren soidade, illamento social, sen máis recursos que os que lle poda dar a familia”, argumentou.
“Temos que poñernos na pel dunha familia que fai quendas porque non pode deixar só a un fillo, un pai, unha nai para evitar que pase o peor”, declarou, ante un Goberno do PP que leva trece anos mirando para outro lado tendo “á saúde mental na marxinalidade”. De feito, Galiza está á cola en número de psicólogos por cada 100.000 habitantes, 5 fronte a 18 de media na Unión Europea e con 10.000 persoas esperando por unha primeira consulta en psiquiatría.
Para abordar un problema de saúde desta magnitude, Pontón propón investimentos, empezando con dotar de 21 M€ nos orzamentos de 2023 o Plan de saúde mental 2020-24 anunciando polo Goberno popular pero ao que só consignaron 1,3 M€ nas contas de 2021. “É o mínimo, simplemente para que o PP cumpra o que anunciou”. Un plan que tamén propoñía incorporar 241 profesionais ao sistema público de saúde.
“Sabe cal é a cifra que recomenda un estudo da Xunta en 1997 señor Rueda? 1.500 especialistas. É dicir que, no mellor dos casos Galiza contará en 2024 con oito veces menos persoal que o que o propio Partido Popular estima necesario fai 24 anos, criticou.
Igualmente, o Bloque propón dotar os centros de atención primaria do servizo de psicoloxía clínica, “porque xa hoxe sabemos que o 30% das consultas nos centros de saúde están relacionadas coa saúde mental”, o que implicaría 460 novos especialistas na rede pública, cifra que estiman necesaria os propios profesionais e que colocarían Galiza en 17 psicólogos e psicólogas por cada 100.000 habitantes, fronte aos cinco actuais, e a situarían na media da UE.
A portavoz nacional tamén propuxo reforzar o persoal de orientación nos centros escolares, que hoxe atenden a unha media de 800 alumnxs por orientador, catro veces máis do que recomenda a Unesco, “porque é fundamental para loitar contra o suicidio entre a poboación máis nova”, así como campañas de concienciación e sensibilización. “É un problema de unha enorme magnitude, que provoca moito sufrimento a miles de persoa neste País, e non se poder abordar nin con anuncios, nin con propaganda, senón con medias concretas e con recursos, económicos e humanos”, concluíu.