O BNG utilizará a súa reforzada representación no Parlamento para traballar a favor dun novo tempo político en Vigo no que se mude a confrontación inútil pola colaboración e o diálogo para facer da cidade olívica o motor industrial e da innovación de Galiza. Así o explicaba a portavoz nacional, Ana Pontón, nun almorzo informativo cos medios, ao que tamén asistiu o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas e as deputadas viguesas Alexandra Fernández e Carmela González.
“O compromiso do BNG vai ser precisamente impulsar un cambio de ciclo que pasa pola defensa dos intereses estratéxicos de Vigo para que pase a ser a capital industrial e da innovación de Galiza, desde unha dinámica de cooperación e diálogo superando a confrontación estéril na que perde a cidade e perden os vigueses e viguesas”, salientou.
Un novo impulso, explicou Pontón, que permita superar “a falta de proxectos” para dar paso a un Vigo “que atenda e resolva os problemas reais da veciñanza, unha cidade de iguais, de xustiza social, con emprego digno e con dereitos, e despregando políticas feministas en favor da igualdade efectiva”. “Temos para Vigo un proxecto aberto e de futuro, con propostas e alternativas en positivo, no que queremos sumar a todas as viguesas e vigueses que entendan que esta cidade merece máis”, proclamou.
A líder do BNG considera que un dos elementos que lastra o futuro da primeira urbe galega é a dinámica de enfrontamento entre Xunta e Concello. “Só obedece a unha estratexia partidista de PSOE e PP, que utilizan a cidade como elemento de confrontación estéril da que Feixóo e Caballero pensan que gañan algo pero na sempre perde a cidade”, criticou, penalización que se traduce nun abandono “deliberado” por parte do Goberno da Xunta “que tivo como maior expresión a política privatizadora que converteu a cidade na zona cero dos recortes sanitarios”.
Urxe un proxecto de Vigo “inxerido” nun proxecto de país, demandou Pontón, partindo das fortalezas da cidade. Neste sentido, o BNG aposta por desenvolver o perfil de Vigo como cidade universitaria, precisamente con ese obxectivo de que sexa capital da innovación, e para iso son necesarias políticas decididas que aproximen a actividade universitaria á cidade e estreitar a cooperación entre o concello e a UVigo.
Igualmente, a formación nacionalista aposta por blindar sectores estratéxicos como o naval e a automoción, no que o polo innovador que se propón arredor da universidade debe xogar un papel central.
Paso imprescindible
“Hai que afrontar o grave impacto que en termos económicos, produtivos, laborais e sociais se derivan da pandemia e iso esixe despregar unha política industrial decidida porque levamos moito tempo sen que en Vigo se instalan novos proxectos, ao contrario pérdese emprego e avanza a deslocalización cara Portugal”, advertiu.
Neste sentido, o Bloque considera prioritario un Plan de reindustrialización da comarca de Vigo a creación dun centro de reparacións na Ría e a intervención pública para garantir a continuidade de Barreras e Vulcano. Tamén pon sobre a mesa outro sector importante na cidade polo que aporta en termos de emprego e de cohesión social, o comercio de proximidade, para o que pide unha liña de axudas directas.
O BNG sigue apostando pola área metropolitana, que non prosperou até agora vítima da confrontación partidaria Caballero-Feixóo, “que a utilizaron no seu particular pim-pam-pum”. “A area metropolitana é un paso imprescindíbel para avanzar nunha ordenación do territorio axustada á realidade do país e favorecer o desenvolvemento da cidade desde un deseño útil, que permita mellorar os servizos que se prestan a cidadanía”, explica.
Vivenda de promoción pública
No ámbito social, e tendo en conta os efectos da crise, o BNG chama a atención sobre
as dificultades de acceso a vivenda, con 5.200 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida, polo que é necesario poñer en marcha novas promocións de vivendas de promoción pública. “Estamos nun momento especialmente delicado, nunha crise sen precedentes, e urxe estar ao lado da xente superando a confrontación inútil”, concluíu Pontón.
Preguntada pola denominación do Foro La Toja, a líder do BNG criticou que esa “falta de respecto” coa identidade e a toponimia do país “sexa avalada tanto polo presidente da Xunta como polo presidente do Estado”, ademais de supoñer unha vulneración da legalidade. Tamén considera inaudito que nun foro supostamente de reflexión non participe ningunha muller, reflexo dunha posición “carca e anacrónica”.