A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, escoitaron as necesidades da colectividade galega en Montevideo onde se reuniron coa directiva do Centro Galego da capital Uruguaia e co consello de residentes, en particular a situación de precariedade social na que se atopan moitos galegos e galegos maiores que non dispoñen de recursos suficientes.
A líder do BNG comprometeuse a levar ao Parlamento galego a proposta de que se aplique a Lei de Dependencia a aquelas persoas da diáspora que perciben pensións ínfimas e sen dereito a cobertura social, mesmo en situacións persoais de dependencia.
“A demanda que nos trasladan e que se aplique a Lei da Dependencia para os residentes ausentes. Consideramos que é unha cuestión de xustiza social e que non debemos deixar abandonadas aos galegos e ás galegas na diáspora que, nos últimos anos da súa vida, necesitan unha axuda”, salientou Pontón tras o seu encontro no Centro Galego de Montevideo, institución creada en 1879 polos milleiros de persoas que ao longo do século XIX e principios do século XX emigraron a este país americano en busca dunha vida mellor.
Nese sentido, Pontón avanzou que o BNG presentará propostas no Parlamento “para que os maiores residentes no exterior que carezan de medios suficientes podan ser receptores de axudas ao amparo da Lei de Dependencia, non se pode deixar atrás as persoas que emigraron e están en situación de vulnerabilidade”, recalcou.
A demanda de recoñecemento pleno da nacionalidade foi outra das cuestións que a colectividade da diáspora uruguaia trasladou a delegación do Bloque, que dentro dos seus contactos institucionais mantivo un encontro coa vicepresidenta de Uruguai, Lucía Topolansky, con quen intercambiaron ideas e compartiron análise da situación internacional.
“Para o BNG é moi interesante a experiencia do Goberno do Frente Amplio porque foi capaz de transformar a sociedade de Uruguai en positivo cara unha maior igualdade e xustiza social, e a súas políticas supuxeron unha mellora na calidade de vida das maiorías sociais”, salientou Pontón.
No encontro coa vicepresidenta destacaron “os importantes vínculos entre Uruguai e Galiza”, e a necesidade de sumar forzas para combater a ola de involución que ameaza os dereitos e as conquistas sociais que tanto costou lograr.