parlamento galego

Ana Pontón propón ampliar a Rede Natura até o 20% do territorio e protexer Galiza da rapina das eléctricas en pleno boom eólico

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica o boicot do Goberno de Feixóo durante doce anos situando a Galiza á cola en espazos protexidos, tanto en relación a media estatal como da UE

Levará esta medida ao Parlamento, que xa figura na Estratexia ambiental integral presentada polo BNG para unha Galiza verde do século XXI

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a Moaña, -recen premiada pola súas políticas medioambientais-, para anunciar que o BNG vai levar ao Parlamento a proposta de ampliación de Rede Natura 2000 até o 20% do territorio, o que permitiría case duplicar o espazo protexido e preservar habitats de valor ambiental ante o espolio do lobby eléctrico en pleno boom eólico, convertido en barra libre polo Goberno do PP.

A medida, que o BNG xa inclúe na súa Estratexia ambiental integral presentada recentemente, poría fin a doce anos de parálise na ampliación baixo o paraugas da figura de preservación do territorio e da biodiversidade máis consolidada de Europa.

“Galiza leva doce anos sen ampliar a Rede Natura 2000, e iso é unha decisión deliberada do PP porque moitos dos espazos que estaban na ampliación son agora candidatos a instalar parques eólicos cun impacto moi agresivo. Pero o Goberno de Feixóo en vez de defender a sustentabilidade do territorio está defendendo os intereses do lobby eléctrico”, denunciou Pontón. Por este boicot, hoxe Galiza está “á cola do Estado e da UE en espazos protexidos”.

A líder nacionalista explicou que ampliar o territorio protexido permitiría “paralizar os proxectos que non buscan o equilibrio ambiental senón a rapina das eléctricas, ante un Executivo de Feixóo que, lamentablemente, en lugar de defender o interese xeral actúa como un comercial das grandes empresas do sector”, denunciou.

Pontón indicou que a Galiza do futuro será verde ou non será, e por iso o BNG defende avanzar cara un novo modelo económico sustentable, baseado na ciencia e na investigación, no que os recursos naturais se poñan ao servizo do País, como demanda a maioría social, en particular a xente nova.

“Se algo nos están pedindo as novas xeracións e que protexamos o seu futuro e iso pasa por plantarlle cara á emerxencia climática, aos retos ambientais que xa están aquí e que a pandemia non fixo máis que agudizar, e iso pasa por defender a sustentabilidade dun xeito transversal”, explicou. Neste sentido, na súa Estratexia ambiental integral, o Bloque inclúe trinta propostas de actuación en ámbitos como a biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía.

Pontón fixo unha visita institucional ao Concello de Moaña cun encontro coa alcaldesa, Leticia Costas e coa equipa de goberno, ás que felicitou por ter convertido as políticas de medio ambiente nun dos sinais de identidade do seu goberno, de tal xeito que Moaña é un concello premiado polas súa aposta verde, sustentable e de protección do medio natural, tras obter o galardón concedido polo Congreso do Medio Ambiente, de ámbito estatal; e a distinción de Bandeira Verde de Galiza.

“Unha vez máis, os concellos gobernados polo BNG son marca de calidade ambiental e de sustentabilidade, exemplos de xestión a favor da veciñanza, con políticas capaces de mellorar a calidade de vida das persoas apostando polo coidado do medio ambiente”, explicou Pontón, indicando que esa maneira de actuar é a que quere trasladar a todo o País.

“Trasladar a toda Galiza o que o BNG fai nos concellos. Porque queremos e defendemos unha Galiza verde e para iso temos deseñada unha Estratexia ambiental integral con propostas e  solucións á emerxencia climática e ao deterioro do territorio”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG