A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou ante o Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, que o 18 de febreiro abriu un novo ciclo político que consolida ao BNG como a alternativa ao PP, tras un resultado electoral histórico en escanos, porcentaxe e número de votos, que demostrou que o Bloque non ten teito electoral.
“Acollemos este apoio desde a humildade e desde o compromiso co País, liderar a oposición é unha responsabilidade que imos exercer desde o rigor, a seriedade e con altura de miras”, declarou Pontón, avanzando que o BNG vai desenvolver unha oposición firme, pero construtiva e en positivo a favor do País.
“Non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema explicaremos que faría un goberno do BNG para dar solucións, unha oposición en positivo, focalizada nos problemas reais da xente e usaremos a nosa forza para defender todo o que prometemos: sanidade pública, ensino libre de recortes, unha vellez tranquila para os nosos maiores, oportunidades para a xente moza ou a defensa da nosa lingua e cultura”, argumentou.
“Seremos a voz da maioría social, pero esta vez sabendo que temos detrás máis cidadanía que nunca”, subliñou, ao tempo que advertía que esta actitude construtiva do BNG vai confrontar cun PP cada vez máis preso de Madrid que gobernará instalado na crispación e na mentira que practicou como nunca durante a campaña.
“Imos ver a un Partido Popular máis prepotente e absolutista que nunca, incapaz da mínima autocrítica, negociación nin diálogo para chegar a acordos de País. Un PP que demostrou que lle vale todo: a mentira, a difamación, a utilización obscena da TVG e dos recursos públicos con tal de manterse no poder”, argumentou a líder nacionalista. “Imos ter diante ao PP máis ultra de todos os tempos, que seguirá ao pé da letra a estratexia da crispación e da confrontación que lle marcan desde Madrid e, fronte a iso, o BNG vai facer unha oposición construtiva, con ideas e propostas a favor deste País e da súa xente”.
Pontón destacou que o histórico resultado electoral é froito de catro anos de intenso traballo colectivo e dunha liña política acertada, que tivo como colofón unha excelente campaña que xerou unha inmensa corrente de simpatía e de ilusión cara o BNG. “Demostramos, e o digo con orgullo, que hai outra forma de facer política, sen insultos, nin mentiras, que fixo que miles de persoas volveran crer en nós, e isto é un capital de valor incalculable que temos que coidar”, alegou, tras agradecer unha vez máis o apoio recibido nas urnas e o esforzo e implicación da militancia do BNG, “a mellor do mundo”.
O resultado do 18F demostra que o Bloque non ten teito electoral e, ademais, abriu un novo ciclo político que consolida ao BNG como a “alternativa indiscutible” ao PP, a forza capaz de disputarlle a hexemonía electoral, convertido no referente para todas as persoas, cada vez máis, que pensan que outra Galiza é posible. Non se conseguiu derrotar á maioría absoluta do PP, “pero é igual de certo que Galiza xa cambiou, que a Galiza que saíu das urnas é outra”, alegou, ao tempo que apelaba a seguir ampliando apoios.
“Temos que seguir traballando para ensanchar a base social, para que cada vez máis galegos e máis galegas se sumen ao BNG, seguir explicando o noso proxecto para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e merecemos e facelo como até agora, sempre coa man tendida e cun sorriso, sempre desde a confianza e o orgullo no que somos como País e como pobo”, destacou.
Pontón incidiu en que o “enorme” caudal de apoio acadado nas urnas é a base sólida coa que construír a alternativa de futuro ao longo dos próximos catro anos e comprometeuse a non defraudar á confianza dada.
Máis forza que nunca
“Estaremos á altura, empezamos a construír o futuro desde hoxe mesmo e para iso contamos cun grupo parlamentario reforzado, que combina experiencia e renovación, que dará voz á maioría social, pero ao mesmo tempo actuaremos como alternativa de goberno para este País, poñendo sobre a mesa as nosas propostas para responder os retos que Galiza ten sobre a mesa”, explicou.
Porque os problemas seguen a ser os mesmos: a mocidade que emigra, as listas de espera en atención primaria, a falta de medios en saúde mental, os problema para acceder a unha vivenda, a subida de prezos que pon en dificultades a miles de familias. Segue sendo materia pendente rexenerar as rías, frear o espolio eólico, modernizar o tren, conseguir máis competencias, o abandono do rural ou segue sendo materia pendente defender ao sector pesqueiro e agrogandeiro aquí, en Madrid e en Bruxelas, citou Pontón na súa intervención ante o Consello Nacional.
“Os cambios políticos transformadores precisan tempo, mais o camiño está marcado e o obxectivo final está máis cerca porque xa hai unha nova Galiza en marcha. Como dicía Castelao, temos e sempre tivemos fe no noso pobo e este 18 de febreiro demostrouse que unha parte moi grande do noso pobo ten fe en nós”, concluíu.