A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, á que definiu como “unha muller que ten demostrado nestes catro anos a súa capacidade de goberno: en positivo, con honradez e transparencia, con eficacia na xestión, con diálogo e sempre coas portas abertas, capaz de sacar o concello dunha etapa negra e avanzar cara o futuro, traballando sempre a favor da veciñanza”.
A líder do Bloque destacou que durante os últimos anos á fronte da Alcaldía, Ana Ermida e a súa equipa demostraron que se pode gobernar a favor do ben común, poñendo ás persoas no centro e sempre coa man tendida e as portas abertas. “O BNG abriu un tempo novo en Barreiros, un tempo no que os veciños e veciñas volven confiar no seu concello”, indicou.
Pontón quixo lembrar os avances logrados polo goberno local, empezando por implantar unha xestión eficaz e transparente, a posta en orde no “descontrol económico” do concello, a mellora dos servizos públicos, o avance nas infraestruturas básicas ou os programas que se desenvolveron a favor das familias e a favor da igualdade.
“Ana Ermida como alcaldesa abriu un tempo novo en Barreiros, de progreso e de futuro, con máis liberdade, con máis democracia, con máis dereitos, un tempo novo a favor da maioría social”, proclamou. Por todo isto, Pontón amosouse convencida de Ermida “volverá ser alcaldesa de Barreiros cunha maioría reforzada o próximo 28 de maio, porque a veciñanza quere seguir esa senda de progreso e de futuro iniciada polo goberno local
Na súa intervención, a líder do Bloque destacou que a campaña de cara as municipais ten lugar dun contexto de gran dificultade, no que mes a mes a cidadanía comproba como os prezos soben máis en Galiza, pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. A situación vese agravada por un Partido Popular “insensible aos problemas da xente do común, instalado na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, proclamou a líder do Bloque.
Por contra, o BNG non deixará de traballar para enfrontar esta situación con valentía e decisión, afirma Pontón, “tomando medidas para frear a especulación coa vivenda ou cos alimentos, reclamando que a banca devolva os 90.000 M€ do rescate bancario ou poñendo un tope de prezo aos carburantes”. Ademais, engadiu que “é posible crear facer unha intervención pública para que a electricidade sexa un ben do País creando unha tarifa eléctrica galega”.
A favor da maioría social ante a crise
A portavoz nacional puxo o foco na necesidade de presentar alternativas a favor da maioría social defendendo os servizos públicos, particularmente unha sanidade pública cunha atención primaria colapsada. Tampouco deixou pasar a ocasión para poñer de manifesto que “a minoría do lobby eléctrico, segue enriquecéndose da man do PP que vende Galiza a prezo de saldo, dando barra libre ao espolio da nosa riqueza cun boom eólico depredador mentres as familias pagan unha factura da luz desorbitada”.
A líder do BNG destacou que, en cambio, “os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, eficacia, solvencia e capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas, o mellor aval co que podemos presentarnos ao reto das eleccións municipais de maio. Temos capacidade para transformar en positivo e dar solucións ás cuestións que afectan á cidadanía”, concluíu.