A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Lugo os proxectos do BNG financiables con cargo aos fondos europeos de recuperación para impulsar a dixitalización tanto do sector publico como do privado como instrumento de modernización da Administración, da actividade económica e da igualdade de oportunidades.
Proxectos que teñen como punto de partida, explicou Pontón, a creación do Consorcio Galego para a Capacitación e as Competencias Dixitais, unha iniciativa estratéxica de todo o sector público, -Xunta, Administracións Locais, Universidades-, “para promover mobilizar 1.180 M€ até 2027 para situar a Galiza na vangarda da dixitalización no sector público e privado", investimento para desenvolver cinco grandes programas de dixitalización: de capacitación da poboación, das Administracións, das Empresas, do Ensino e do Patrimonio cultural e arquivístico.
En relación ao Programa de capacitación dixital da poboación, “o obxectivo é atender aos sectores que por condicións económicas ou de idade teñen menor acceso ás tecnoloxías e reducir a fenda dixital por razóns xeracionais, xeográficas ou económicos. En definitiva, democratizar o acceso e o uso ás tecnoloxías da información e da comunicación”, explicou a líder do BNG.
O Programa de dixitalización das administracións persegue facilitar á cidadanía tramitar todo tipo de documentos en formato dixital e online, desde unha inscrición de nacemento a un certificado de defunción. Ao mesmo tempo, debe permitir avanzar na completa dixitalización dos labores administrativos e de xestión. No relativo ao Programa de dixitalización e competencias dixitais das empresas coloca a atención nas PEMES e ás micro empresas de economía social, cun plan de formación adaptado ás necesidades de cada sector como o comercio, a hostalaría ou o turismo.
En canto ao Programa de dixitalización e competencias dixitais no ensino, como argumentou Pontón, “a pandemia puxo en evidencia as graves carencias tecnolóxicas e formativas no ensino, e as desigualdades no acceso ao ensino online. O obxectivo é desenvolver un ambicioso plan formativo dirixido a toda a comunidade escolar, -profesorado, alumnado e familias-, incluíndo os recursos necesarios para dotar de ordenadores e dunha boa conexión a internet a todo o alumnado que o precise”.
Finalmente, o Programa de dixitalización do patrimonio cultural e dos arquivos, para aplicar as novas tecnoloxías a este ámbito, para catalogar, conservar e promover o patrimonio cultural galego.
Ademais do Consorcio para a dixitalización, o BNG considera prioritario impulsa a tecnoloxías intelixentes e o big data cun investimento de 350 M€, para desenvolver a tecnoloxía 5G en todo o territorio, crear unha rede pública de intelixencia artificial.
Para iso, formula o proxecto Territorio intelixente coa instalación masiva de sensores no territorio para a recollida de todo tipo de datos e posterior análise, o que permitirá actuar e mesmo anticiparse en cuestións como a loita contra os lumes, control de augas, mellora da actividade agrogandeira, datos atmosféricos, etc.
Laboratorio de ideas
Inclúe tamén o proxecto Riqueza cultural e turística, utilizando a tecnoloxía de datos, de realidade aumentada e virtual para promover a actividade cultural e turística. O proxecto Vida Dixital en Galego, con solucións tecnolóxicas para empregar de xeito gratuíto o galego. En canto ao proxecto Laboratorio de Ideas, ten como obxectivo adiantarse na evolución constante das novas tecnoloxías e da innovación para non perder oportunidades. E o proxecto de promoción das mulleres nas profesión e carreiras científicas e técnicas, para fomentar o acceso das mulleres neste tipo de disciplinas.
“En definitiva, a dixitalización do sector público e privado en todos os ámbitos é clave para o futuro económico e social de Galiza, polo que desde o BNG queremos mobilizar para conseguir esa dixitalización un investimento global de 1.180 M€, ao que sumamos 350 M€ para desenvolver proxectos de intelixencia dixital e big data, investimento previsto até 2027 e aproveitando os recursos dos fondos europeos de recuperación”, concluíu Pontón.