A portavoz nacional, Ana Pontón, presentará mañá mércores en Santiago o Goberno alternativo do BNG que terá como obxectivo facer un rigoroso control do Executivo do PP e, en paralelo, aportar propostas para resolver os problemas dos galegos e das galegas e para que Galiza afronte con éxito os grandes retos que ten por diante.
Pontón dará a coñecer ás 11.30 h no hotel Palacio del Carmen a estrutura, áreas e responsabilidades do Goberno alternativo logo dunha reunión co grupo parlamentario, un grupo reforzado para facer política de luces longas, lonxe da crispación que o PP está instalando na política e onde a lexítima discrepancia é substituída pola descualificación ou o insulto ao adversario.
Tal e como xa avanzara a portavoz nacional no debate de investidura, o grupo parlamentario do Bloque non limitará o seu labor ao control do Executivo de Alfonso Rueda, senón que, como primeira forza da oposición e alternativa de goberno, a cada crítica achegará unha solución, explicando que faría un Executivo nacionalista.
Co apoio de case medio millón de galegos e galegas, o BNG asume a responsabilidade que lle deron as urnas e comprométese a traballar con enerxía e ambición de país na defensa da sanidade pública, dun ensino de calidade, dunha vellez tranquila para as persoas maiores ou para facilitar oportunidades á xente moza.
Son estas algunhas das prioridades que vertebrarán a acción do Goberno alternativo do Bloque, que tamén traballará por unha Galiza produtiva, cunha clara aposta pola ciencia e plantando cara á emerxencia climática, e pola lingua e o autogoberno, dando voz ao feminismo e os dereitos LGBTI e sempre cunha visión modernizadora e avanzada, desde a convicción de que Galiza é un gran país.
Como tamén adiantara Pontón durante o debate de investidura, a formación nacionalista traballará “por e para os galegos e as galegas, votasen o que votasen, para mellorar as súas vidas, para poñer en marchar unha Galiza con máis oportunidades, capaz de afrontar os retos que xa están aquí”.