A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no rexistro do BNG un total de 1.745 avais á súa candidatura á Presidencia da Xunta, unha cantidade de apoios que multiplica por nove a esixida no regulamento aprobado polo Consello Nacional. “Preséntome para ser a próxima presidenta da Xunta coa convicción de que este País necesita un cambio e de que o BNG é a forza política que lle pode dar o futuro que precisa”, asegurou, logo de agradecer os apoios recibidos para encarar “con máis ilusión que nunca” o reto de poder liderar o “mellor goberno da historia da democracia” en Galiza.
“Preséntome con máis ilusión que nunca, síntome máis preparada e estou convencida de que podemos facer historia para que este País poda ter por primeira vez unha presidenta e para darlle o mellor goberno da historia”, subliñou, convencida de que na sociedade galega hai un “cambio imparable” que o BNG aspira a liderar.
Pontón quere ser a presidenta que “devolva a esperanza aos galegos e galegas”, a líder dun goberno “que coide da súa xente”, que aposte pola sanidade e a educación públicas, polo coidado das persoas maiores e por darlle á mocidade un futuro mellor, darlle a xente nova un País “no que van poder facer realidade os seus soños”, alegou.
“É evidente que é necesario abrir as portas e as ventás da Xunta e este é o momento de facelo”, reiterou a portavoz nacional na presentación dos avais á súa candidatura, que agora vai ser debatida e votada pola militancia nas asembleas comarcais, tal e como se contempla no calendario dun proceso que finalizará o vindeiro 25 de novembro, día fixado para que o Consello Nacional ratifique á cabeza de cartel do BNG á Presidencia do Goberno.
“Vou dar o mellor de min”, prometeu Pontón á militancia do BNG e en xeral a todos os galegas e todas as galegas que pensan que Galiza precisa dun futuro mellor, que pensan que chegou o momento dun cambio na Xunta para dar relevo a un goberno do PP que, asegurou, “está totalmente entregado á estratexia de crispación e división posta en marcha por Feijóo, nun intento de tapar a súa incapacidade política para dar solución aos problemas do País”.
“Co señor Rueda entregado a esa estratexia de crispación mentres os problemas da sanidade, a educación ou reindustrialización do País seguen sen solucionarse, é máis evidente que nunca que Galiza precisa un cambio de ciclo que o BNG aspira a liderar, porque estamos convencidos de que podemos facer historia para ter por primeira vez unha presidenta coas mans libres que defenda os intereses dos galegos e as galegas”.