Santiago de Compostela, 2 xuño 2024.- A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, elixiron a saída da AP-9 en Fene como lugar simbólico para reclamar a transferencia da autoestrada e para advertir que o BNG non vai tirar a toalla ante a reclamación dunha AP-9 galega e libre de peaxes, máxime agora que a Unión Europea abre unha oportunidade para o rescate cuestionando a ilegalidade da prórroga de 25 anos concedida polo goberno do PP de Aznar.
Neste sentido, Pontón reclamou ás forzas estatais, PP e PSOE, que deixen de poñer paus nas rodas e de buscar escusas para vetar a transferencia desta vía estratéxica para Galiza, e facelo nos termos en que reclama o Parlamento galego. “Por que PP e PSOE que apoiaron o rescate das radiais madrileña cuestionan agora o rescate da AP-9?”, interpelou á líder do Bloque, denunciando a “discriminación” das forzas estatais con Galiza.
Nunha comparecencia ao pé da autoestrada en Fene, a portavoz nacional reprochou os argumentos esgrimidos polas forzas estatais para negar a transferencia. “Cambian os gobernos, cambian os ministros de transporte, cambia o inquilino da Moncloa, pero o que non cambia é a discriminación con este País e o interese dos diferentes Gobernos do Estado por seguir facendo que os galegos e as galegas paguemos unhas peaxes que son absolutamente abusivas”, recriminou a portavoz nacional.
Pontón recordou que despois do “infame boicot” do Partido Popular con Mariano Rajoy e Ana Pastor intentando impedir que se celebrase nin sequera o debate no Congreso, Galiza tivo que ver como decaía até en tres ocasións a tramitación da lei de transferencia aprobada polo Parlamento “polo desinterese que teñen as forzas estatais”.
En relación á “última escusa” do Goberno do Estado, Pontón destacou que coas radiais madrileñas o Estado pagou “cifras millonarias” que nunca quixo concretar nin facer públicas. “O rescate das radiais madrileñas é asumible cando se trata de salvar á banca e ás grandes construtoras como a de Florentino Pérez; sen embargo, cando se trata de rescatar a AP-9 e aos galegos e ás galegas dunhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada, a resposta é que non é asumible”, cuestionou.
A líder nacionalista criticou que na vez de aproveitar a oportunidade que abre agora Europa co expediente de infracción pola prórroga do Goberno do PP, o Executivo de Sánchez presente un recurso. “Desde o BNG cremos que hai que retirar ese recurso e acometer un estudio serio e rigoroso sobre cal sería o custe do rescate, porque estamos convencidos e convencidas de que vai ser máis barato que que os galegos e galegas sigan pagando unhas abusivas peaxes e que, en todo caso, vai ser máis barato que o rescate das radiais madrileñas”, recalcou.
Neste contexto, insistiu en pedir a PP e PSOE que deixen de boicotear unha demanda unánime da cidadanía galega e recordou que todas as autopistas da mesma xeración que a AP-9 xa son libres peaxes e que infraestruturas similares foron transferidas aos gobernos vasco e catalán.
“Nós non queremos ser máis, pero tampouco aceptamos que nos traten por menos”, advertiu para incidir en que os diferentes Gobernos do Estado, primeiro do PP e agora do PSOE, levan demasiado tempo discriminando a Galiza en relación á AP-9. “Usan os mesmos argumentos e as mesmas argucias para impedir que esta sexa unha vía galega e libre de peaxes”, reprochou para concluír que o BNG “vai seguir traballando” para o rescate da autoestrada porque é “unha cuestión de dignidade, de xustiza e de equidade cos galegos e coas galegas”.
Pola súa banda, Miranda recordou que o Bloque presentou diversas iniciativas no Parlamento europeo sobre a autoestrada galega e reclamou coñecer a documentación do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español pola prórroga da concesión aprobada polo Goberno do PP, da que se mostrou convencida que vai ser “declarada ilegal” pola Comisión e que demostra a “discriminación manifesta” con Galiza.
“Esta autopista ten que ser libre de peaxes”, recalcou logo de criticar a inacción tanto do PP como do PSOE nesta cuestión e incidir na discriminación que supón para os galegos e as galegas que teñan que pagar peaxes na principal vía de comunicación do País, non só en relación con outras vías de iguales características do Estado, senón tamén de Europa.
Na liña que Pontón, a candidata ás eleccións europeas confrontou o caso da principal infraestrutura viaria do País co das radiais madrileñas e considerou que o Executivo central ten que aproveitar a oportunidade que abre Europa para rescatar a autopista galega como se fixo coas de Madrid co obxectivo de “acadar por fin unha AP-9 galega e libre de peaxes, como vén pedindo o BNG, pero tamén o pobo galego”, concluíu.