Ana Pontón pregunta a Feixóo onde está o plan da Xunta para que Galiza non sexa discriminada no reparto dos Next Generation

Ana Pontón
Ana Pontón

A Comisión Europea ven de dar luz verde ao plan do Goberno central para empezar a recibir os fondos europeos de recuperación, -Next Generation-, cunha primeira partida de 19.000 millóns de euros para 2021.

Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, de visita en Valdeorras, critica que aínda hoxe o presidente da Xunta non teña remitido ao Parlamento o plan do Goberno detallando prioridades, proxectos e investimentos para Galiza, máis aló dunha sucesión de anuncios.

“A pregunta é moi clara: onde está o plan do Goberno da Xunta para garantir que Galiza recibe os fondos que lle corresponden? O que temos é escurantismo e falta de estratexia que lle poden facer perder a este País unha oportunidade, e temos un Feixóo que en lugar de pensar no interese xeral parece máis implicado en ser útil a un par de grandes empresas”, denunciou.

“Seguimos sen coñecer cal é a proposta deste Goberno para que Galiza non sexa discriminada, e todo o que temos é unha sucesión de anuncios con cifras e datos que cambiaban en cada presentación. Nun tema tan importante non se pode actuar desde a irresponsabilidade de carecer dunha estratexia que permita que eses fondos cheguen e axuden a levantarse da crise, non vale con quedarse na publicidade e na propaganda”, argumentou.

A portavoz nacionalista critica que o Parlamento non teña recibido unha documentación clave e reiteradamente solicitada polo BNG, o que da unha idea da falta de rigor do Goberno do PP. “Estamos preocupadas polo centralización dos fondos e porque sexan condicionados a novos recortes de dereitos aos traballadores e traballadoras”, alegou, “Galiza non pode quedar discriminada e, ante un tema que é crucial, o Goberno de Feixóo, nin está, nin se lle espera”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG