Ana Pontón pide votar desde a esperanza da man dun BNG capaz de dar voz a Galiza e frear a Vox e Ciudadanos

Rotunda: “O Bloque non permitirá un goberno da dereita, pero tampouco dará cheques en branco para que sigan gobernando en contra deste país”

Nestor Rego pide o apoio das persoas “decepcionadas” coa discriminación das forzas políticas estatais

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o mitin de peche de campaña na Coruña facendo unha apelación á ilusión e á esperanza fronte os que predican medo e crispación e fronte aos que pretenden que nos resignemos ao mal menor baixo o envoltorio do voto “útil”.

“O 28 de abril imos responder ao medo e á crispación con ilusión e esperanza. Non temos porque renunciar a nada porque co voto ao BNG podemos telo todo: Darlle voz propia a Galiza e parar a dereita carca e antigalega ganándolle a Vox e Cs os escanos que lles disputamos. Por iso, a todas as persoas que levades Galiza na cabeza e o corazón, aquí tendes a man tendida do BNG”, proclamou Pontón.

Nun Teatro Rosalía entregado, a líder nacionalista fixo unha apelación directa os e as votantes indecisas.

“A todas as persoas que non teñen unha decisión tomada, que queren que Galiza conte, pero que tamén están preocupadas por esa dereita españolista tirada ao monte. A todas, -votaran ou non ao BNG noutras ocasións-, dígolles que o voto BNG ten un valor extra: Garante que Galiza será decisiva na política do Estado e, ademais, deixa fora á dereita carca e antigalega ganado os escanos que disputamos a Vox e Cs”, recalcou.

A Coruña Pontón recriminou aos candidatos e candidatas das forzas estatais, “as vellas e as novas, á dereita e á esquerda”, que tras unha lexislatura “pasando olimpicamente de Galiza” agora veñen a pedir o voto: recortazo de 442M€ con PP, recortazo de 750M€ co PSOE e o apoio de En Marea-Podemos, os peores orzamentos en 17 anos, “nisto consistía o rupturimo?”.

Non foron os únicos exemplos da discriminación dos que agora piden o voto “útil”. “Útil para quen, que aportaron os 23 deputad@s por Galiza pero as ordes de Casado, Sáchez ou Iglesias”, interpelou. AP9, -dobre subida da estafa das peaxes en oito meses de PSOE tras anos de veto do PP-; o Porto da Coruña, -5.000 M€ para os portos de Xixón, Barcelona, Valencia e Bilbao, pero aquí se quere facer caixa cuns terreos que son da cidade-, foron algúns dos exemplos do agravio das forzas estatais.

Pero é a situación de ALCOA a que provocou as maiores críticas de Pontón a PP e PSOE. O “electoralismo barato” dun Feixóo “axitando o medo do peche como se el non fose o presidente ou ignorando que foi o PP quen aprobou un marco enerxético que é unha máquina de destrución masiva de empregos”, pero tamén denunciou  “a covardía política” do PSOE retrasando o estatuto electrointensivo, “onde está o venres social de ALCOA?”, se preguntou.

“Imos demostrar que esta factoría ten futuro a partir do 28A cando Galiza sexa decisiva na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas, onde cada escano conta, e os do  BNG contarán para dar solución a 400 familias que hoxe teñen o corazón nun puño”, indicou.

A CoruñaEncher as urnas con votos de país

Aos que predican o medo, Pontón pediu “responder cun sorriso rebelde enchendo as urnas de votos de país”, e aos da cantinela do voto útil, lembroulles que cunha dereita en minoría nin sequera foron capaces de derrogar as contrarreformas laborais, a lei mordaza, nin a LOMCE.

“Que ninguén teña ningunha dúbida, non permitiremos que goberne a dereita en ningunha das súas versións, pero non imos dar cheques en branco, nin para que sigan mandando os de sempre, nin para que sigan gobernando contra Galiza. Nunca máis, discriminación con este país”, recalcou.

Pontón aproveitou o escenario do mitin para reivindicar a Rosalía de Castro e a María Casares e apelar ao voto das mulleres, “das galegas que o 8M encheron as rúas para que o 28A transformen esa forza en papeletas “feministas e de país” da man do BNG. E á xente moza díxolles que teñen no Bloque un aliado contra os que só lles ofrecen precariedade ou emigración.

Segura da “remontada imparable”, pediu encher as urnas de amor por Galiza para ter voz propia e para frear a dereita, carca, machista e antigalega. Con esperanza e cun sorriso rebelde na boca, desta vai!”, concluíu.

Momento excepcional

O candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, salientou  a importancia deste momento político: “Vivimos un contexto excepcional coa ameaza da involución democrática e sabemos que o BNG está a disputar directamente deputados con Vox e Cs” e, por iso, instou a sumar todo o voto de país candidatura do Bloque.

“É necesario concentrar todo o voto en chave galega e tamén todo o voto democrático e antifascista no BNG, para conseguirmos o obxectivo de dar voz a Galiza e de parar xa, aquí e agora, esa dereita carca e antigalega que quere que retrocedamos en dereitos e liberdades, que ataca a nosa lingua e nos nega como pobo. Non llo imos permitir”, recalcou.

Igualmente, Rego apelou “a todas as persoas decepcionadas coas forzas estatais que nos representaron até agora, decepcionadas co seu silencio en Madrid e por iso que dubidan mesmo se votar. Pedímoslles que votasen o que votasen no pasado, neste contexto, confíen en nós, confíen no BNG, porque non lles vai fallar”, asegurou.

 

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG