A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón remitiu hoxe unha carta a Pedro Sánchez emprazándoo a interpoñer, antes da convocatoria de eleccións e disolución das Cortes, a demanda xudicial para reclamar o Pazo de Meirás. É necesario poñer “punto final” aos privilexios da Familia Franco e do franquismo e parécenos “unha prioridade” que as estatuas do Pórtico da Gloria, a Casa de Cornide e o Pazo de Meirás retornen ao patrimonio público galego.
A líder do BNG criticou que a Familia Franco continúe, despois de 44 anos, ostentando un patrimonio usurpado a todos os galegos e galegas, esta circunstancia, dixo, representa un símbolo da continuidade de estruturas de poder da ditadura, unha ofensa á memoria das vítimas do franquismo e a debilidade democrática do Réxime do 78 que explica que despois de 40 anos da morte do ditador continúe a persecución de persoas por expresarse libremente. Neste sentido, lembrou que “9 persoas serán xulgadas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás, “19 persoas para as que a Familia Franco pide penas que superaran os 300 anos”.
PUNTO FINAL AO ESPOLIO DA FAMILIA FRANCO
Resulta “esperpéntico” que a estas alturas, os bens espoliados non entraran a formar parte do patrimonio público galego ao remate da ditadura como aconteceu noutras partes de Europa. O camiño da democracia e a restitución da memoria das vítimas pasa polo “punto final” do espolio da Familia Franco, reiterou.
Pontón explicou que a Familia Franco utilizou o Pazo de Meirás como lugar de veraneo e para posados de revistas do corazón e nos últimos tempos converteuno nun centro de “apoloxía do Franquismo”. Tras tildar de “ocupas” aos membros da Familia Franco, por ocupar un espazo produto dun espolio, Pontón reiterou que existen dous estudos baixo a dirección de Manuel Lourenzo e Carlos Babio, claves para informes posteriores. Contamos, con dous informes, un encargado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e outro a cargo da propia Xunta de Galiza, así como acordos unánimes en diferentes institucións galegas na mes dirección.
Pontón recalcou que o BNG sempre se mostrou favorable a exhumación dos restos de Franco pero tamén “a exhumación do franquismo” presente en moitos vestixios como o Pazo de Meirás.
28 DE ABRIL, OPORTUNIDADE PARA QUE GALIZA CONTE CON VOZ PROPIA
A preguntas dos xornalistas sobre a cita electoral do 28 de abril, a líder do BNG remarcou que é “unha oportunidade” para acabar coa “irrelevancia política” á que nos conduciron as forzas estatais. O BNG, esfórzase por facer ben o traballo, e preséntase ás elección para que Galiza teña peso político no estado. Sabemos que imos a “un escenario sen maiorías absolutas”, e estou convencida que nestas eleccións imos ser capaces de recuperar esa voz propia que sempre garantiu o BNG e que sempre puxo por diante a defensa dos intereses de Galiza, dos intereses sociais e das liberdade públicas. O BNG é unha “forza que traballa con rigor e seriedade e unha voz sen ataduras”, e estou convencida de que moitos galegos e galegas botaron de menos esa voz firme no Congreso nesta lexislatura, concluíu.