Para a deputada, a nova Lei mantén un urbanismo zombi ao servizo da especulación e reclama unha nova lei consonse á realidade de Galiza.
Ana Pontón pediu hoxe a devolución do Proxecto de lei do solo de Galiza presentado pola conselleira de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato porque desregulariza o solo, desprotexe o patrimonio, provoca inseguridade xurídica e mantén un urbanismo contrario á realidade galega.
Na súa intervención, a nacionalista asegurou que o proxecto de lei non soluciona os problemas de urbanismo máis ben, constituirá un paso atrás sobre a actual lexislación. O proxecto, reiterou desprotexe o territorio e o medio rural, introduce novos elementos desregularizadores do solo coa intención de consolidar un urbanismo contrario a tradición do noso país. Vostedes, inquiriu, queren un urbanismo disperso cunha ocupación maior do territorio que provoca o encarecemento dos servizos, ese é o seu modelo, modelo explicou, que non nace de ningún consenso.
Unha Lei sen consenso
A deputada lembrou que a comisión de estudo do solo non naceu co fin de ofrecer outra perspectiva urbanística en Galiza, naceu dun proxecto de lei elaborado polo Partido popular sen consultar con ninguén e que na práctica é unha versión reducida, mala e peor que a lexislación que temos neste momento. Si vostedes queren facerlle un servizo a este país, dixo, retiren a lei.
A parlamentaria cuestionou a seguridade xurídica da lei así como a súa capacidade para actuar na solución dos graves problemas de urbanismo, moito nos tememos, dixo, que non acadará ningún destes obxectivos.
Despois de trece anos de reformas, o destino final é unha lei que empeora o marco actual, criticou a nacionalista que ademais aludiu a modificacións sobre cambios aprobados hai menos de un ano no propio Parlamento.
O BNG pide unha nova Lei do solo consonte á realidade galega
Dende o BNG, remarcou, temos moi claro que é preciso una nova política urbanística e unha nova lei do solo pero este proxecto que trae hoxe o PP á Cámara é inservíbel, non soluciona os problemas e descoñece a realidade galega. A deputada tamén destacou os problemas derivados da Lei de Costas que non contempla os núcleos rurais preto da costa así como o paso atrás no recoñecemento dos montes en man común creando dificultades ás comunidades de montes e as instalacións , na lei cualifican de solo forestal todos os montes en man común sen ter en conta, afirmou Pontón, que existen cemiterios, instalacións sociais e actividade agrogandeira.
A Lei do PP desprotexe o Medio rural
Asemade, elimina a centralidade das parroquias na súa prestacións de servizos. A lei desprotexe o medio rural e consolida un modelo liberalizador do solo que upou a especulación urbanísticas coas consecuencias económicas e sociais nefastas que todos e todas coñecemos.
Por outra parte, a parlamentaria referiuse ao cambio que posibilita o paso de solo rústico a urbano tras producirse un incendio. Había excepcións para recualificar estes solos, explicou pero vostedes van a permitir os intereses urbanísticos sobre as zonas queimadas polo que preguntou a conselleira se o Partido popular é consciente da desprotección do medio rural permitindo que se urbanice máis do 80 por cento do solo rústico do noso territorio.
A deputada tamén cuestionou a desconfiguración do solo urbano ao non poñer coto aos crecementos lineais nas vías de comunicación que nada teñen a ver coa ocupación tradicional e provoca a diseminación dos núcleos.
Pontón reiterou as súas criticas contra a inseguridade xurídica da nova lei e a restrición de autonomía municipal impedindo un reparto competencial claro e de colaboración entre a Xunta e os concellos.
O Plan Básico dos concellos será outro fracaso ao igual que as Directrices do Territorio ou do Litoral, instrumentos ineficaces que a propia Xunta incumpre como no caso de ENCE.
A parlamentaria concluíu a súa intervención pedindo a devolución do Proxecto de lei porque desprotexe o patrimonio tradicional. Non ten ningún sentido,dixo, considerar construcións tradicionais as construídas antes do ano 1975 porque moitas delas, non teñen nada que ver coa nosa tipoloxía tradicional. Sobre a eliminación das plusvalías no urbanismo, a deputada preguntou á conselleira Mato a quen están vostedes beneficiando?.
O Proxecto de lei de solo de Galiza foi aprobado só cos votos do PP polo que continuará coa súa tramitación parlamentaria.